12 de mayo de 2019

OS ODS NO IES ANTÓN ALONSO RÍOS (TOMIÑO)

Como xurdiu a idea e en que contexto?

A idea xurdiu nun contexto máis amplo ligado a un proxecto transfronteirizo e interdisciplinar no que participaban centros de ensino primario e secundario de Vilanova de Cerveira  (Portugal) e outros centros de primaria da zona de Tomiño. O tema central do proxecto era a sostinibilidade, de tal xeito que para traballar dende a materia de Xeografía e Historia no nivel de 3º da ESO pensamos en diferentes posibilidades.

O noso pequeno proxecto comezou a tomar forma trala lectura fortuita dun artigo titulado: No puede usted acabar el 2018 sin saber qué quieren decir estas siglas: ODS. Dada a relevancia e significación actual do tema e a súa vinculación coa nosa área de coñecemento, traballar cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible parecía unha boa opción. Ademáis, cabe engadir que garda relación directa con varios dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación establecidos para o nivel. Como mostra disto podemos mencionar algúns dos estándares de aprendizaxe que tomamos como refe rencia no noso proceso de avaliación:




  • XHB2.5.1. Define o desenvolvemento sustentable e describe conceptos clave relacionados con el.
  • XHB2.6.4. Identifica e nome algunhas enerxías alternativas.
  • XHB2.7.1. Procura información sobre a sobreexplotación dos caladoiros de pesca, usando recursos impresos e dixitais.
  • XHB2.13.1. Realiza un informe sobre as medidas para tratar de superar as situacións de pobreza.

Cales eran os nosos obxectivos e o noso produto final?




O produto final que queríamos crear era unha pequena exposición no noso centro sobre os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A exposición estaría integrada por unha serie de códigos QR distribuídos no centro, de tal xeito que con só achegar as cámaras dos móbiles poderíase acceder a un video explicativo creado polos alumnos e alumnas sobre cada un dos obxectivos.

Dado o caracter dos ODS e polo produto predeseñado e o soporte escollido plantexáronse diversos obxectivos que esperábamos acadar cos rapaces e rapazas unha vez rematado o proxecto. Estes obxectivos foron dende coñecer os ODS e promover a sensibilización ante a desigualdade e os problemas medioambientais, tanto no noso contexto inmediato coma nun contexto internacional; así mesmo, buscamos comprender a importacia de deseñar propostas alternativas para afrontar os grandes retos da actualizadade e fomentar as iniciativas e o emprendemento do alumanado para acadar diversas solucións; e cabe engadir outros obxectivos ligados a valorar a existencia de diversas fontes de información e a necesidade de contrastalas, ou potenciar o uso das TIC´s coma instrumentos de creación e difusión de proxectos e ideas.

Como o fixemos?

Traballamos en agrupamentos colaborativos, con grupos integrados por 4 ou 5 alumnos e alumnas. Para facer o proxecto completáronse unha serie de pasos que se concretaron en varias tarefas avaliables realizadas ao longo dun total de sete sesións:
  • TAREFA 1:  Fíxose unha primera achega aos ODS a través da lectura e posterior análise dun estracto do artigo previamente mencionado.
  • TAREFA 2: Cada grupo levou a cabo unha pequena achega de información sobre o obxectivo asignado, atendendo tanto a aspectos xerais como a posibles vías para acadalo. Para a investigación cada grupo tomou como referencia diversas fontes dixitais para o cal foi necesario desenvolver a tarefa na aula de informática do centro.
  • TAREFA 3: Seleccionaron aquela información relevante para explicar brevemente e dun xeito claro en que consistía o obxectivo facendo fincapé na súa importancia e relevancia no conxunto dos ODS. Ademais, escolleron caso/s que serviran coma exemplo das vías e/ou métodos posibles que permitan acadar o obxectivo. Con esta información elaboraron un  guión que constaba dun mínimo de 325 palabras e que constituiu o corpo do discurso no video.
  • TAREFA 4: Na última tarefa empregáronse como ferramenta as tablets cedidas polo CFR de Vigo, así cada grupo deseñou e elaborou o video explicativo correspondente a cada obxectivo.

No desenvolvemento do proxecto empregamos diversas aplicacións que serviron coma ferramentas e instrumentos tanto de xestión colaborativa da información (Google Drive), como de grabación e edición de audios (Notas de voz e Garage Band), deseño e elaboración de videos animados e presentacións tipo whiteboard (Renderforest) ou para a difusión do produto (Youtube, códigos QR).

Como difundimos a nosa creación?

Crearon un total de 18 videos explicativos e presentacións tipo whiteboard, o primeiro dos cales trátase dunha explicación xeral sobre os ODS, e os 17 restantes tratan cada un dos 17 obxectivos. Aquí tedes algúns exemplos:
Video presentación: https://www.youtube.com/watch?v=q_yyZE3kUTQ&t=3s
Obxectivo número 6 (Auga limpa e saneamento): https://www.youtube.com/watch?v=sKG1pG-7ohM&t=16s
Obxectivo número 7 (Enerxía asequible e non contaminante): https://www.youtube.com/watch?v=-4gLVcg6tdo&t=2s
Obxectivo número 9 (Industria, innovación e infraestrutura): https://www.youtube.com/watch?v=rUtcK8C_h9s&t=11s
En toda creación na que participe o alumnado de forma conxunta é esencial a súa posterior difusión, de tal xeito que eles mesmos comproben o impacto potencial que poden xerar no seu entorno inmediato e non tan inmediato. Neste sentido valoramos varias posibilidades para chegar ao máximo público posible:

  • Empregamos Youtube coma plataforma de publicación para todos os videos.
  • Montamos unha pequena exposición no centro cos videos a través de códigos QR. Tratouse dunha exposición que se fixo en colaboración co Departamento de FOL que estaba traballando co mesmo contido.
  • Procedeuse a difundir o proxecto mediante as RRSS do centro.
  • Deseñáronse actividades dende as titorías dos diferentes niveis da ESO para dinamizar a exposición entre o alumnado do centro, dando a oportunidade de participar activamente ao alumnado na reflexión e formulación de posibles solucións aos problemas plantexados nos videos.

        



No hay comentarios:

Publicar un comentario