16 de febrero de 2018

CREACIÓN DE AULA


Neste curso 2017-2018 procurouse fomentar o traballo colaborativo nas nosas aulas e aproveitamos o empréstito das tablets para traballar en diferentes aulas, distintas áreas e competencias. As vantaxes do traballo colaborativo son múltiples:

- Interiorización de normas como: respecto pola opinión dos demais, escoita activa, tanto das explicacións coma das propostas dos compañeiros/as.

- Dirimir entre diferentes opcións de forma pacífica.

- Os alumnos/as son responsables do tempo, avance e de organizarse eles mesmos.

- Fomenta a creatividade.

- Gozan e aprenden ao mesmo tempo con propostas e actividades dinámicas.

Dada a versatilidade que ofrece este recurso, é moi cómodo adaptar as propostas que ofrece á aula, atendendo á materia, contidos a traballar, etc., sempre tendo moi presente que non debemos deixar lugar á improvisación total, dado que perderíamos moito tempo. É imprescindible dominar as ferramentas, apps, contidos a traballar que imos a empregar, para poder obter un rendemento óptimo e sustancial do tempo.

Formuláronse diferentes propostas en diferentes niveis:

- Nos niveis inferiores, realizaron actividades que combinaban diferentes aspectos da área de plástica, matemáticas e lingua, dando un peso importante ao desenvolvemento das habilidades sociais e traballos colaborativos, xa que nalgúns momentos o noso alumnado debía compartir, agardar para empregar a tablet ou colaborar, ademais de realizar actividades propias das materias mencionadas. É moi interesante ver a evolución dos primeiros días, incluso momentos, mentres lles imos guiando, e van desenvolvendo estratexias útiles e efectivas de resolución de conflictos. Desta maneira traballamos de forma global: competencia lingüística e dixital eminentemente, así coma a social e cívica (respecto polos compañeiros/as, traballo en grupo) e a de iniciativa e emprendemento (para elaborar eles mesmos as súas propias produción e historias).

- Nos niveis superiores buscamos diferentes apps nas que se traballaban contidos específicos da materia, como por exemplo: xeografía, historia. Un xeito divertido de enfocar a aprendizaxe, onde os alumnos/as aprendían directamente e relacionaban conceptos.

- Co alumnado con NEAE empregamos diferentes apps, tamén en grupo aproveitando a figura de alumnos/as guía, para traballar aspectos que nos interesaba desenvolver: estimulación sensorial, conceptos básicos, dinámicas motrices e de percepción...

Son moitas as app que podemos empregar con fins educativos, pero algunhas das apps que escollín: Bamboo Paper (https://itunes.apple.com/es/app/bamboo-paper-bloc-de-notas/id443131313?mt=)e Puppet Pals HD (https://itunes.apple.com/es/app/puppet-pals-hd/id342076546?mt=).

                                               


Nunha das actividades que lles propuxen, por exemplo, tiveron que escribir unha historia e tiñan que plasmar o resumo escrito na app de Bamboo e logo grabar a historia con diferentes personaxes con Puppet Pals.

Está claro que o primeiro que hai que facer é explicarlles como funcionan as apps e a finalidade do seu uso, pero dado que son nativos dixitais, en seguida buscan eles e resolven as dificultades que van aparecendo.

O tempo é un factor esencial e non dispoñiamos de moito, polo que con máis tempo ou máis práctica estou segura que estarían máis organizados, pero estou moi satisfeita do traballo realizado, xa que o fin era que colaboraran todos e produciran todos e todas.



REFLEXIÓN

As utilidades das tablets son moitas, ninguén o dubida. Precisamos de maior traballo con elas na aula, para que non sexan só un instrumento de distracción, e poder aproveitar todo o seu potencial. Gran parte do problema é que os nenos non son quen de organizarse, revisar o traballo feito, cooperar en grupo... Pero a única maneira de conseguir isto é facéndoo e que mellor maneira que empregando algo tan atractivo e intuitivo como son as tables.

Temos que ter claro a finalidade do seu uso, como complementaran as nosas materias e buscar concretamente o que se axusta ao noso propósito.

Ao non estar acostumados a empregar este tipo de dispositivos para o fin que se lles propuñía (elaborar unha historia, escribir e creala, traballar en grupo, buscar e empregar apps didácticas) foi difícil acadar un grao de “perfección” axeitado, xa que ven a tablet coma un xoguete case exclusivamente. Estou convencida que se fose algo máis habitual os resultados serían formidables, tanto do que fan, coma do nivel de aprendizaxe que poden acadar co uso desta tecnoloxía. Ademais, este tipo de dispositivos permite un feedback inmediato, polo que os alumnos/as séntense moi motivados e contentos polo seu traballo.

Sen dúbida a experiencia foi moi frutífera e divertida, os nenos/as gozaron e aprenderon contidos da aula e despregaron as súas habilidades artísticas, sociais, de aprender a parender, etc. Colaboraron todos e cada un deles, en pequeno grupo, animándose uns aos outros e aportando todos as súas opinións. Xurdiron pequenos conflitos que tiveron que resolver eles mesmos, pero claramente iso era outra parte da finalidade das actividades.

15 de febrero de 2018

Funcionamento dunha estación meteorolóxica



FUNCIONAMENTO DUNHA ESTACIÓN METEOROLÓXICA

1ª ACTIVIDADE:

Na aula de 4º a partir da área de ciencias sociais, decidimos construír unha estación meteorolóxica para estudar o tempo atmosférico do “noso patio”.

Aproveitando o empréstito dos Ipad do CFR decidimos facer un vídeo titorial para explicar como funciona cada un dos aparatos que construímos.

Fixémolo cunha adaptación do Grupo de Expertos/as. Tiñamos que estudar 4 aparatos para medir o tempo atmosférico e temos 6 equipos de base con 4 nenos/as cada un, polo que un de cada equipo formou parte do grupo do aparato que se lle asignou.

Tiveron que ler ben as instrucións, repartirse o material que aportaría cada quen, e construílo. Unha vez construído elaboraron un vídeo onde explicaban o seu funcionamento e o que medía.

Os vídeos fixéronos coa App Chatter Pix. A partir dunha mesma fotografía do seu aparato, cada un marcaba unha boca nese obxecto e gravaba un audio coa explicación correspondente.

Unha vez gravados montáronse nun só clip coa App IMovie.

Aquí tendes un par de exemplos o resultado.

http://orecunchodepaula.blogspot.com.es/2017/11/estacion-meteoroloxica-dos-canimonsters.html

2º REFLEXIÓN:

Este tipo de tarefas aumenta a motivación do alumnado, non só polo novidoso, senón por sentir que o seu esforzo serve para axudar a outras persoas a aprender.

A dificultade xurdiu no discurso, a App non supuxo ningún problema. A parte da exposición oral, polo menos na miña titoría, é máis complexa que o manexo da App. É dicir, fallaban porque se equivocaban no que tiñan que dicir, antes que no uso da ferramenta tecnolóxica.

Se grazas a este tipo de tecnoloxía, consigo que o meu alumnado mellore en algo tan básico como a expresión oral, penso que é unha axuda moi beneficiosa e coa que os meus nenos e nenas mellorarán. Polo que a seguiremos empregando.


                                                                                                                 Paula Rey Silva
Titora de 4º de EP do CEIP Canicouva de Vigo