15 de febrero de 2016

POR QUE CON TIC?

A EEI Hernán Cortés sitúase no centro da cidade de Vigo e, actualmente, conta cunha porcentaxe aproximada do 76% de familias de orixe estranxeira. Ao non ter ratio completa ao longo do curso recibimos constantemente novos compañeiros e compañeiras. A pesar de que moitos xa son nacidos en España, os países de orixe das familias condicionan a vida destes nenos e nenas, e iso reflíctese directamente nas conversas, asembleas, intereses, etc. Esta situación fai que moito alumnado, pola súa situación socioeconómica, non teña acceso á rede ou a dispositivos fora do centro.

Cando traballamos coa tablet na aula non hai mais que mirar a cara dos nenos e nenas para xustificar a importancia que ten este tipo de ferramentas nas escolas. Supón un recurso potentísimo para atraer a atención e permite experimentar cousas imposibles noutros formatos. Ademais, como docente resulta gratificante, xa que algúns contidos vólvense mais atractivos. Para reproducir, para editar, para xogar, para crear... Pero, sobre todo, para facer da educación en xeral e da miña escola en particular unha plataforma para formar cidadáns activos en igualdade de condicións independentemente das súa orixe e situación social.


PROXECTO OS VOLCÁNS

Temos a gran sorte de que na nosa escola as cousas que pasan en moitos países do mundo resúltannos significativas.
A EEI Hernán Cortés sitúase no centro da cidade de Vigo e, actualmente, conta cunha porcentaxe aproximada do 76% de familias de orixe estranxeira. Ao non ter ratio completa ao longo do curso recibimos constantemente novos compañeiros e compañeiras. A pesar de que moitos xa son nacidos en España, os países de orixe das familias condicionan a vida destes nenos e nenas, e iso reflíctese directamente nas conversas, asembleas, intereses, etc.
No mes de setembro do pasado ano 2015, un terremoto sacudiu Chile. Alba, de catro anos, contounos que por sorte o seu pai e a súa familia estaban ben. No medio desa conversa, decateime de que algúns alumnos e alumnas confundían os terremotos con volcáns. Foi entón cando formulei a pregunta que, aínda que teño que recoñecer que non tiña moitas expectativas, deu orixe a un dos proxectos mais gratificantes que levei ao cabo: Que tal se investigamos sobre os volcáns?
Iniciámonos na aprendizaxe baseada no pensamento (ABP), realizamos experimentos, traballamos de xeito cooperativo, e, co fin de tocar o máximo de competencias clave, fixemos un obradoiro de realidade aumentada no que podiamos converter un debuxo nun volcán en erupción. O traballo coa tablet foi o complemento perfecto para as outras metodoloxías. Sen dúbida repetiremos.