12 de mayo de 2019

OS ODS NO IES ANTÓN ALONSO RÍOS (TOMIÑO)

Como xurdiu a idea e en que contexto?

A idea xurdiu nun contexto máis amplo ligado a un proxecto transfronteirizo e interdisciplinar no que participaban centros de ensino primario e secundario de Vilanova de Cerveira  (Portugal) e outros centros de primaria da zona de Tomiño. O tema central do proxecto era a sostinibilidade, de tal xeito que para traballar dende a materia de Xeografía e Historia no nivel de 3º da ESO pensamos en diferentes posibilidades.

O noso pequeno proxecto comezou a tomar forma trala lectura fortuita dun artigo titulado: No puede usted acabar el 2018 sin saber qué quieren decir estas siglas: ODS. Dada a relevancia e significación actual do tema e a súa vinculación coa nosa área de coñecemento, traballar cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible parecía unha boa opción. Ademáis, cabe engadir que garda relación directa con varios dos obxectivos, contidos e criterios de avaliación establecidos para o nivel. Como mostra disto podemos mencionar algúns dos estándares de aprendizaxe que tomamos como refe rencia no noso proceso de avaliación:




  • XHB2.5.1. Define o desenvolvemento sustentable e describe conceptos clave relacionados con el.
  • XHB2.6.4. Identifica e nome algunhas enerxías alternativas.
  • XHB2.7.1. Procura información sobre a sobreexplotación dos caladoiros de pesca, usando recursos impresos e dixitais.
  • XHB2.13.1. Realiza un informe sobre as medidas para tratar de superar as situacións de pobreza.

Cales eran os nosos obxectivos e o noso produto final?




O produto final que queríamos crear era unha pequena exposición no noso centro sobre os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A exposición estaría integrada por unha serie de códigos QR distribuídos no centro, de tal xeito que con só achegar as cámaras dos móbiles poderíase acceder a un video explicativo creado polos alumnos e alumnas sobre cada un dos obxectivos.

Dado o caracter dos ODS e polo produto predeseñado e o soporte escollido plantexáronse diversos obxectivos que esperábamos acadar cos rapaces e rapazas unha vez rematado o proxecto. Estes obxectivos foron dende coñecer os ODS e promover a sensibilización ante a desigualdade e os problemas medioambientais, tanto no noso contexto inmediato coma nun contexto internacional; así mesmo, buscamos comprender a importacia de deseñar propostas alternativas para afrontar os grandes retos da actualizadade e fomentar as iniciativas e o emprendemento do alumanado para acadar diversas solucións; e cabe engadir outros obxectivos ligados a valorar a existencia de diversas fontes de información e a necesidade de contrastalas, ou potenciar o uso das TIC´s coma instrumentos de creación e difusión de proxectos e ideas.

Como o fixemos?

Traballamos en agrupamentos colaborativos, con grupos integrados por 4 ou 5 alumnos e alumnas. Para facer o proxecto completáronse unha serie de pasos que se concretaron en varias tarefas avaliables realizadas ao longo dun total de sete sesións:
  • TAREFA 1:  Fíxose unha primera achega aos ODS a través da lectura e posterior análise dun estracto do artigo previamente mencionado.
  • TAREFA 2: Cada grupo levou a cabo unha pequena achega de información sobre o obxectivo asignado, atendendo tanto a aspectos xerais como a posibles vías para acadalo. Para a investigación cada grupo tomou como referencia diversas fontes dixitais para o cal foi necesario desenvolver a tarefa na aula de informática do centro.
  • TAREFA 3: Seleccionaron aquela información relevante para explicar brevemente e dun xeito claro en que consistía o obxectivo facendo fincapé na súa importancia e relevancia no conxunto dos ODS. Ademais, escolleron caso/s que serviran coma exemplo das vías e/ou métodos posibles que permitan acadar o obxectivo. Con esta información elaboraron un  guión que constaba dun mínimo de 325 palabras e que constituiu o corpo do discurso no video.
  • TAREFA 4: Na última tarefa empregáronse como ferramenta as tablets cedidas polo CFR de Vigo, así cada grupo deseñou e elaborou o video explicativo correspondente a cada obxectivo.

No desenvolvemento do proxecto empregamos diversas aplicacións que serviron coma ferramentas e instrumentos tanto de xestión colaborativa da información (Google Drive), como de grabación e edición de audios (Notas de voz e Garage Band), deseño e elaboración de videos animados e presentacións tipo whiteboard (Renderforest) ou para a difusión do produto (Youtube, códigos QR).

Como difundimos a nosa creación?

Crearon un total de 18 videos explicativos e presentacións tipo whiteboard, o primeiro dos cales trátase dunha explicación xeral sobre os ODS, e os 17 restantes tratan cada un dos 17 obxectivos. Aquí tedes algúns exemplos:
Video presentación: https://www.youtube.com/watch?v=q_yyZE3kUTQ&t=3s
Obxectivo número 6 (Auga limpa e saneamento): https://www.youtube.com/watch?v=sKG1pG-7ohM&t=16s
Obxectivo número 7 (Enerxía asequible e non contaminante): https://www.youtube.com/watch?v=-4gLVcg6tdo&t=2s
Obxectivo número 9 (Industria, innovación e infraestrutura): https://www.youtube.com/watch?v=rUtcK8C_h9s&t=11s
En toda creación na que participe o alumnado de forma conxunta é esencial a súa posterior difusión, de tal xeito que eles mesmos comproben o impacto potencial que poden xerar no seu entorno inmediato e non tan inmediato. Neste sentido valoramos varias posibilidades para chegar ao máximo público posible:

  • Empregamos Youtube coma plataforma de publicación para todos os videos.
  • Montamos unha pequena exposición no centro cos videos a través de códigos QR. Tratouse dunha exposición que se fixo en colaboración co Departamento de FOL que estaba traballando co mesmo contido.
  • Procedeuse a difundir o proxecto mediante as RRSS do centro.
  • Deseñáronse actividades dende as titorías dos diferentes niveis da ESO para dinamizar a exposición entre o alumnado do centro, dando a oportunidade de participar activamente ao alumnado na reflexión e formulación de posibles solucións aos problemas plantexados nos videos.

        



REFLEXIÓNS DENDE A SECUNDARIA: DISPOSITIVOS MÓBILES+TRABALLO COLABORATIVO


A idea de empregar as tablets como ferramenta de traballo foi xurdindo pouco a pouco. Xa tiña en mente o tema sobre o que quería traballar, pero aínda non perfilara ben o produto final e as ferramentas para a súa creación. A idea comezou a madurar no contexto do curso "Traballo colaborativo con dispositivos móbiles" organizado polo CAFI. Realmente tiña claro que quería traballar con eles nun pequeno proxecto nun modo de traballo colaborativo, algo que facemos cada trimestre, pero ao entrar en contacto con novas ferramentas para traballar con dispositivos móbiles comecei a introducilos no proxecto. 




O traballo colaborativo é un tipo de agrupamento que, se conseguimos estruturar e escalonar ben, é susceptible de xerar diversos aprendizaxes significativos. Nesta forma de traballo, os dispositivos móbiles aportan un importante abanico de posibilidades, tanto para a xestión da información, como para o deseño e creación de produtos. Estas foron as motivacións que me levaron a introducir estas ferramentas na aula, xunto co feito de que, nun contexto educativo, se trataban de instrumentos novos para eles e, nun primeiro termo, podería aportar un maior potencial motivador.

Á hora de deseñar a actividade tívose claro dende o comezo o tema e o produto final. Tratábase de crear unha pequena exposición con códigos QR que levaran a videos explicativos sobre cada un dos dezasete Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. A partires da idea fomos organizando e deseñando as diferentes tarefas que deran lugar ao produto final, e con cada tarefa fomos seleccionando aquelas ferramentas útiles para o traballo. Google Drive e Notas de Voz foron ferramentas que viñeron doadamente a nosa mente para poder traballar con elas. As dificultades viñeron á hora de escoller unha aplicación que permitira crear videos animados ou tipo whiteboard. Ademáis, esta tiña que ser gratuita, o c al é moi dificil, e que permitira introducir audio no video e fora posible a descarga do arquivo. A todo isto, tamén había que engadirlle o feito de que fora sinxela e de uso intuitivo. Partindo desta base parecía case imposible atopar unha aplicación que o permitira. Tras unha pequena achega para ver que posibilidades había (moovly, biteable…) e tras varias probas e intentos a opción que se adaptaba mellor as nosas necesidades foi Renderforest, unha aplicación en liña que permite crear tanto videos explicativos coma tamén videos tipo whiteboard dun máximo de tres minutos, e aos que se lle pode incorporar música e audio.

A posta en práctica non presentou grandes dificultades, se ben é certo que hai que ter paciencia e flexibilidade, sobre todo cando os alumnos e alumnas non están afeitos a traballar con dispositivos móviles e/ou se están a traballar cunha ferramenta nova. En contra do que podamos pensar, na maior parte dos casos, os coñecementos informáticos e o manexo de dispositivos móviles por parte do alumnado está limitado maioritariamente a aplicacións ligadas ás redes sociais e a comunicación. Así atopan algunhas dificultades á hora de traballar con ferramentas básicas coma procesadores de textos (Google Drive), se ben é certo que, con indicacións adecuadas, poden volverse autónomos no manexo de novas ferramen tas nun breve espazo de tempo.

Fora destas salvedades, o emprego de dispositivos móviles foi fundamental para a creación do produto deseñado, aínda que é certo que o produto final pode ser modificado e adaptado a nosa realidade. Realmente, o máis salientable de empregar dispositivos móviles é que permite traballar dun xeito diferente que axuda a adáptanse moi ben a fórmulas colaborativas de traballo. Deste xeito, permite aos alumnos e alumnas explorar novas estratexias para poder xestionar información, manexar novas aplicacións e ferramentas que se alonxan das que están habituados a empregar e, ademais, cabe engadir que fomenta o desenvolvemento das competencias dixitais e a competencia de aprender a aprender.

TABLETS NO CEIP A CANICOUVA


PRÉSTAMO TABLETS CEIP A CANICOUVA.


ONDE E POR QUÉ  :

Nunha reunión do equipo TIC do CEIP A Canicouva, en Vigo, abordouse a posibilidade de solicitar opréstamo de seis  tablets do CEFORE de Vigo. Na mesma xuntanza houbo interese  por parte de dous mestres, unha mestra de apoio de infantil e o mestre do grupo de cuarto A de primaria.
As motivacións foron diversas: A mestra de infantil entre as súas horas de apoio adicaba unha delas ao traballo coas Tic´s con varios dos grupos. O traballo nos ordenadores do colexio era bastante limitado polas condicións dos equipos (poucos, obsoletos, dificultades de conexión,...). Sinalou a posibilidade de traballar a relidade aumentada coma parte dos proxectos de aula que facian nese intre sobre os animais.
O mestre de primaria contemplou a posibilidade do uso de tablets en dúas direccións: unha como elemento motivador e de aprendizaxe individual e outra como dinamizador dun traballo en equipo.

PARA QUE:

A acción situouse dentro da consecución de diferentes obxectivos:

  • Desenvolver o pensamento lóxico e a capacidade creativa, aprendendo a disfrutar e respectar as creacións propias e alleas.
  •  Coñecer os aspectos fundamentais das ciencias naturais e sociais, xeografía, historia e cultura. 
  • Coñecer manifestacións do patrimonio local.
  • Iniciarse nas TIC.

COMO E QUÉ:

Establecéronse días de utilización alternos que tiveran en conta os diferentes horarios de ambolosdous e condicións de uso.

O traballo en infantil desenvolveuse da maneira seguinte:

Nas aulas de Educación Infantil do CEIP Canicouva de Vigo, tivemos o privilexio de descubrir divertidas e proveitosas aplicacións dos Ipad´s que nos prestaron dende o CEFORE. 

Algunhas destas aplicacións, como Zookazam,  de realidade aumentada, permitíronnos achegarnos a moitos animais que estábamos a traballar na aula, co proxecto de animais en perigo de extinción. A partir desta app, e empregando unha plantilla, os nenos/as poideron descubrir en 3D, características fisiolóxicas dunha gran variedade de animais.


Outra app empregada, foi a de Tiny Tap, moi útil para reforzar conceptos loxico-matemáticos así como lectoescritura, esta aplicación deunos a posibilidade aos Mestres de crear xogos axeitados para levar a cabo nas diferentes idades.




En Cuarto de primaria o traballo coas tablets foi en dúas direccións:


En primeiro lugar abriuse unha conta na aplicación de Smartick que permitiu o uso gratuito durante quince días, nos cales cada alumno tiña o seu usuario e seguiu a súa ruta de aprendizaxe individual. Esta aplicación fai unha primeira valoración dos coñecementos de matemáticas que ten o usuario e logo deseña un plan individualizado de traballo, con unha interfaz de xogo, con niveis e pantallas.
Unha vez feita a primeira valoración, en quendas de cinco usouse a tablet diariamente durante os quince días de proba por períodos de dez minutos cada neno/a.
Aparte deste uso regular e diario, durante o mesmo período, ofreceuse a posibilidade de uso e traballo na aplicación aos nenos/as que ían rematando as súas tarefas noutros momentos da mañá. Procurouse que todos tiveran acceso aos equipos da mesma maneira.




Ademais, o equipo de biblioteca propuxo un traballo de coñecemento de diferentes zonas de Vigo, coa intención que fora o “leiv motiv” á celebración do Entroido do colexio de maneira conxunta. O noso nivel escolleu o Casco Vello e a Reconquista, evento que ía ter lugar logo do Entroido na cidade.



Con ese motivo se lle propuxo aos nenos e nenas un proxecto sobre a Reconquista de Vigo. Este traballo consistiría na busca de información sobre a historia deste episodio na cidade. Por equipos buscaron documentación e fotos, músicas e vídeos sobre a festa para elaborar un guión. Para este traballo dispuxeron dunha tablet por equipo, debían buscar o material necesario, baixalo, gardalo nunha carpeta de equipo e logo, entre todos redactar un guión.




A tarefa final consistiu na gravación coa aplicación iMovie dun vídeo para, primeiro, proxectar na clase onde deberiamos calificar todos e todas de 1 a 4 puntos; logo,os dous máis valorados, proxectalos ao outro grupo de cuarto de primaria e aos niveis de terceiro e quinto. 



VALORACIÓN:

 A valoración é positiva polo que supuxo de motivación para o traballo dos nenos e nenas, tanto en infantil coma en primaria. O uso de este tipo de aparellos sempre é ben recibido e motivante para o alumnado.


Aporta coñecemento en tecnoloxías actuais polo que neste aspecto sentímonos satisfeitos.
Nos resultados e producións obtidas, a valoración por parte da mestra de infantil é positiva, tamén, xa que o uso e rendemento acadado é satisfactorio.
No relativo a primaria, os resultados foron variables, con vídeos producidos de alta calificación e outros con pouco traballo e unha produción moi simple.
Neste senso, sería preciso o uso durante máis tempo para poder sacarlle máis partido as diferentes aplicacións.
Como consideración xeral, sempre é motivante o uso deste tipo de equipos, permite un ensino mais individualizado, máis autónomo e axeitado aos diferentes ritmos de aprendizaxe.
Quizais coma proposta de mellora que se recordase aos usuarios a necesidade de uso de estes aparellos de maneira responsable, non creo que sexan para usos persoais de redes sociais, correo electrónico privado  e non se deberían instalar aplicacións sen reflexionar o seu aproveitamento e a súa necesidade. A limpeza de arquivos antes da entrega no CEFORE sería tamén oportuna, segundo o noso punto de vista.