5 de julio de 2018

"CAMIÑANDO ENTRE PLANTAS" E OS IPADS


“Camiñando entre plantas” e un dos proxecto desenvolvido nos tres cursos de 1ºESO do IES Terra de Turonio, na materia de Bioloxía e Xeoloxía este ano. O proxecto tiña como principal obxectivo acercar os nenos a biodiversidade botánica da súa contorna e a toma de conciencia dos múltiples usos que teñen as plantas que os rodean,  sempre utilizando o método científico e o pensamento científico.

          O proxecto comezou facendo roteiros de botánica con especialistas na materia, tanto un especialista en plantas medicinais e comestibles como especialistas da Universidade de Vigo en plantas invasoras.  Máis tarde  traballáronse as distintas plantas, en total unhas 30 plantas, unha vez seleccionadas as plantas de estudio os nenos foron buscando información das plantas a todos os niveis e utilizando sempre o nome científico, buscaron información botánica, como información a nivel de aplicación e usos de forma que os nenos conseguiron coñecer en profundidade cada una das plantas todo isto traballando de forma cooperativa. Unha vez obtida a información, é cando fan a súa aparición os ipad na aula e os nenos teñen que facer un vídeo onde explican de forma, o máis clara posible, a descrición  da súa planta despois utilizamos  a aplicación hp reveal para poder enlazar con a ficha da  planta e a propia planta, o vídeo en realidade aumentada. Todo este traballo foi exposto na feira Expoturonio que tivo lugar no centro no mes de maio, nesta actividade tamén se presentaron outros produtos finais do proxecto como o botiquín con pomadas de Plantago para a dermatite, ou tinturas de Xeranio de San Roberto para mellorar o sistema inmune; tamén se fixeron galletas con plantas invasoras como a Tradescantia, e  pósters onde recolliamos todo o traballado e investigado durante o proxecto; tamén se fixo un congreso de plantas invasoras no instituto onde viñeron profesores da Universidade de Vigo; tamén se fixeron trípticos de divulgación de plantas invasoras e folletos coas receitas das galletas, pomadas  ect.. e se fixeron chapas e pegatinas para promover o coidado da nosa diversidade botánica.






    Como reflexión, teño que destacar o cambio de actitude e interese dos nenos cando tiveron nas súas mans os Ipads e  se deron conta que os seus vídeos ían ser expostos e vistos polos seus pais, os seus familiares e outros visitantes da Feira. Cando tiveron esta evidencia o seu traballo fíxose  máis preciso e responsable, os equipos comezaron a organizarse e repartir tarefas, esta vez en serio. Comezaron a interiorizar a información e a facela propia, e apareceu a autoavaliación e a coavaliación xa que todos tiñan un fin común moi interesante. Engadiría tamén, o motivados que estaban no uso da aplicación de realidade aumentada xa que moitos deles despois a descargaron nos seus móbiles e fixeron vídeos para uso persoal e particular na súa casa.


2 de julio de 2018

XOGAMOS E APRENDEMOS COA TABLET

A actividade levouse a cabo no CEIP Mestre Ramiro Sabell Mosquera de Ponteareas. Neste curso 2017-2018 estiveron matriculados no centro 409 alumnos/as, repartidos en 6 aulas de Ed. Infantil e 14 aulas de Ed. Primaria.

Como mestra de Pedagoxía Terapéutica dei apoio a dous alumnos de 4º de Educación Infantil:

- Un alumno con necesidades específicas de apoio educativo asociadas a retraso psicomotor severo (parálise cerebral).

- Un alumno con necesidades específicas de apoio educativo asociadas a Trastorno do Espectro Autista (TEA).

O apoio realizouse dentro da aula, o obxectivo primordial foi a integración destes alumnos favorecendo a súa participación o mais activa posible. Traballáronse aspectos relacionados coa: coordinación motriz tanto grosa como fina; a capacidade de predición e a anticipación dos acontecementos; habilidades comunicativas e habilidades sociais e de relación con outros nenos a través do xogo.

Solicitouse o uso dunha Tablet ao CFR de Vigo para traballar os seguintes obxectivos:

- Realizar actividades de motricidade fina que potencien e maximicen as posibilidades de manipulación.

- Manipular e recoñecer e diferentes obxectos e imaxes.

- Manter a atención na tarefa que realiza durante un pequeno espazo de tempo.

- Coñecer e acceder ás novas tecnoloxías da información e da comunicación.

- Participar de forma activa nas actividades lúdicas cos seus compañeiros.

O uso da Tablet foi un gran aliado para a consecución destes obxectivos. Foi un elemento moi motivador tanto para eles como para o resto do grupo.

As apps que se utilizaron foron:



 Colors and Shapes é un xogo divertido e educativo para nenos en idade preescolar que axuda a ensinar habilidades de combinación de obxectos e recoñecemento de cor.




"Debuxos para nenos!" é un xogo que ofrece aos nenos a oportunidade de crear e explorar o proceso creativo das artes visuais. Os nenos poden debuxar atractivos personaxes, como unha bolboreta, unha ra, un coche e moitos outros obxectos. Todos os debuxos cobran vida unha vez que se termina de debuxalos.


Coa App # Soyvisual pódense traballar diferentes actividades interactivas para o desenvolvemento da linguaxe, permitindo unha aprendizaxe autónoma, adaptado ao propio ritmo do neno. Inicialmente, descargáronse tres paquetes de exercicios para traballar a morfosintaxe e construción de frases cos verbos: comer, beber e cheirar de Nivel 1 (Suxeito - Verbo - Complemento Directo). Progresivamente poderíanse descargar novos paquetes de maior nivel, para máis verbos e para traballar outras áreas da linguaxe ( semántica, pragmática,...).

José Aprende é unha colección de contos adaptados a pictogramas para aprender o proceso de AUTOCUIDADOS (aseo persoal), de RUTINAS (situacións cotiás) e de EMOCIÓNS (contento, triste, asustado…).

Conclusión: O resultado foi moi positivo por proporcionarlle aos nenos unhas experiencias de aprendizaxe a través dunha contorna lúdica que as enriquece. Ademais, foi unha ponte que facilitou a interacción dos alumnos con necesidades educativas especiais co resto dos seus compañeiros ao participar en grupos pequenos realizando este tipo de actividades.

REFLEXIÓN:

Grazas ás tablets, os nenos amplían as súas experiencias a través de sons, imaxes, e todo tipo de xogos de contido lúdico. Incorporar as tablets no proceso de ensino-aprendizaxe con alumnos de infantil con parálise cerebral e con autismo son un importante método de estímulo para eles. Ao ser unha tecnoloxía táctil facilita a accesibilidade e é unha ferramenta que proporciona un realismo e un feed- back inmediato. Con todo, non podemos pensar que o uso en se dunha tablet vai producir un efecto terapeútico nun alumno. Senón que debe ser supervisado o seu uso por profesionais e situarse dentro dun programa integral de intervención educativa.