1 de febrero de 2020

Fwd: CREACIÓN DA AULA



AUTOINSTRUCIÓNS, MATEMÁTICAS E EMOCIÓNS

No CEIP Plurilingüe de Atios, decidimos solicitar o Escornabot ao CFR de Vigo, para que o noso alumnado tivese a oportunidade de acceder a outro tipo de materiais. Podendo optar a aprendizaxes máis significativas e vivenciais.
As actividades realizadas leváronse a cabo con alumnos/as de terceiro, cuarto e sexto de educación primaria. Con elas traballamos o seguimento de instrucións, os contidos da área de matemáticas referentes a numeración, operacións básicas, formas xeométricas e as emocións, xa que consideramos fundamental que estas últimas estean presentes na educación, favorecendo deste xeito unha correcta  educación  emocional.
Para realizar a actividade precisamos: dun ordenador, a través do cal elaboramos cada unha das tarxetas coas medidas axeitadas ao Escornabot sendo neste caso de 12X12; De conexión a internet para poder buscar os emoticonos das emocións ou as figuras xeométricas que precisabamos. Ademais precisamos dunha impresora para poder imprimir as tarxetas unha vez realizadas, unhas tesoiras para poder recortar e unha plastificadora para poder protexer as nosas creacións. Cartolina na que debuxamos o noso taboleiro, un plástico para que o Escornabot se desprazase sen problema.
Unha vez decididos os contidos a traballar e como facelo, explicámoslles o proceso aos alumnos/asque se encargarían de realizalo. No primeiro taboleiro quixemos traballar as instrucións polo que elaboramos tarxetas nas que tiveran que facer cousas como chegar a unha forma xeométrica dada polo camiño máis longo o máis curto ou tendo que respectar as indicacións dadas. No segundo taboleiro repasamos contidos matemáticos que eles/as decidiron referentes a descomposición de números, resolución de operación de sumas, restas, multiplicacións ou resolución de problemas,tendo que chegar co Escornabot a celda da resposta. Como último taboleiro elaboramos tarxetas de situacións que se resolvesen cunha emoción, por exemplo como me sinto cando me enfado cun amigo, como me sinto cando saco un dez nun exame... tendo que levar o Escornabot a celda do emoticono que respondese a emoción que cada alumno/a sinte ante dita situación.
Cando tivemos elaboradas todas as tarxetas, imprimímolas coa axuda da mestra e plastificámolas, para finalmente recortalas. Ademais do mencionado anteriormente, traballouse a atención e a psicomotricidade fina. Elaboramos o taboleiro medindo o tamaño de todas as celdas.
Unha vez rematado este proceso chegou o momento de xogar co Escornabot. Colocamos nunha mesa o taboleiro, separamos as tarxetas do que tiñamos que facer das que irían no taboleiro. Logo colocamos as tarxetas resposta no taboleiro ecubrimos por enriba o mesmo cun plástico, evitando deste xeito que ao moverse o Escornabot se movesen as tarxetas. E xa por último, tivemos que programar o robot para chegar a cada unha das celdas de resposta. Para iso lemos a tarxeta, detivémonos a pensar como chegar empregando a mirada e as mans e a continuación pulsando as teclas precisas. Ao primeiro houbo algún que outro erro, verbalizando en que nos equivocaramos ou porque non saíra como esperabamos e incluso dicíndolles uns aos outros/as en que erraran. Foi toda unha experiencia xa que o alumno/a que se equivocaba non sentía a corrección como un ataque senón como unha axuda para realizalo mellor na seguinte quenda. Ao final todos e todas lograron levar o robot á celda correcta, r epasaron conceptos, compartiron aprendizaxes e pasaron uns ratos moi divertidos.

A continuación deixamos enlace ao noso blogue

https://pedrarosadeatios.blogspot.com/2019/11/escornabot.html




----- Rematar mensaxe reenviada -----

No hay comentarios:

Publicar un comentario