8 de junio de 2018

TRABALLANDO CON TABLETAS NA EEI AS DUNAS



A EEI As Dunas atópase en Panxón (próxima ao núcleo urbano de Nigrán) e conta con tres unidades. No centro impártense o 4º, 5º e 6º curso de Educación Infantil.

Durante o presente ano académico (2017-2018), a totalidade do profesorado da EEI As Dunas comprometeuse a formarse para mellorar a súa competencia dixital mediante o coñecemento do uso de ferramentas coas que traballar de xeito máis eficaz co alumnado e logrando unha maior integración das TIC no centro educativo (mediante o fomento do traballo nas aulas coas mesmas para desenvolver a competencia dixital de nenas e nenos, etc…).

Ademais de recibir formación sobre robótica, a páxina web e diversas ferramentas valiosas para mellorar o traballo na aula coas e cos escolares, parte das sesións estiveron centradas nas posibilidades que ofrecen as tabletas para traballar con alumnado de Educación Infantil, motivo polo que nos decidimos a solicitar dispositivos ao CFR de Vigo.

O claustro reflexionou conxuntamente e propuxéronse diferentes actividades para que o alumnado de todos os niveis tivese a oportunidade de achegarse ao traballo coas tabletas. No proceso de deseño tíveronse en conta os obxectivos que se pretendían conseguir, o tempo do que se dispuña e a posible incidencia que a experiencia podería ter con cada grupo.

A continuación, amosamos unha das tarefas que se implementaron na escola durante o período no que contamos cos dispositivos: Os gatos poetas. A actividade, foi ligada ao proxecto sobre a poesía que se levou a cabo no centro dende o inicio do presente curso escolar.

Esta actividade foi realizada co grupo de 5º de Educación Infantil facendo uso da aplicación Chatter Pix Kids, que se pode descargar no seguinte enlace: https://itunes.apple.com/us/app/chatterpix-kids-by-duck-duck-moose/id734046126?mt=8

Os obxectivos da actividade foron os seguintes:

-Mellorar a competencia dixital e a competencia lingüística do alumnado.

-Propiciar o uso e manexo das tabletas para a realización de fotografías, edición das mesmas, gravación de voz e uso da aplicación “Chatter Pix Kids” para facer creacións relacionadas cos proxectos da escola.

-Fomentar a creatividade do alumnado mediante o uso de novas ferramentas.

-Fomentar o uso da lingua oral.

Para acadar os obxectivos anteriormente propostos, empregouse, ademais das tablets, material funxible: cores, folios, etc.

Durante o proceso, nenos e nenas amosaron grande interese e gosto por traballar coas TIC e evidenciouse o potencial de motivación das tabletas para implementar e desenvolver actividades nas aulas con alumnado de curta idade como o de Educación Infantil. Quedou patente que constitúen un elemento motivador que os engancha e contribúe a mellora non só da competencia dixital senón tamén de outras moitas, en función do que se pretenda traballar.

O resultado final, pódese ver premendo no seguinte enlace: http://www.edu.xunta.gal/centros/eeidunaspanxon/node/632

A posibilidade de realizar a actividade facendo uso dos dispositivos foi, sen dúbida, positiva. Podería terse realizado con outras aplicacións coñecidas para o móbil, pero eso conlevaría unha maior presenza e intervención do profesorado en relación ao alumnado, o que incidiría negativamente no desenvolvemento da competencia dixital dos e das escolares ao restarlles autonomía, xa que non poderían experimentar de forma tan directa o traballo con unha aplicación de fácil manexo como esta. Ademais, as tabletas resultan moito mais motivadoras e as pantallas son máis grandes e máis cómodas para as nenas e nenos de Educación Infantil.

En definitiva, a experiencia foi valorada como moi positiva polo que  se continuará a traballar con tabletas durante o vindeiro curso na medida do posible e a buscar canles para integrar as TIC na EEI As Dunas do xeito máis proveitoso posible para o conxunto do alumnado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario