Mostrando entradas con la etiqueta reflexión. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta reflexión. Mostrar todas las entradas

25 de junio de 2019

SOS CFR (artigo de reflexión)

Comecemos polo principio. Setembro de 2018. Chego ao meu destino provisional e infórmaseme que a miña aula de 1º curso, debido a un desdobre, será a que ata o curso pasado era a de Plástica. Na aula, non había ningún tipo de tecnoloxía: nin proxector, ordenador, PDI... estaba solicitada á Xunta pero daquela era un misterio cando a enviarían ao cole. A solución temporal era empregar a aula de informática a demanda, cos trastornos que ocasiona o mover ao grupo para unha actividade puntual.
Así empezou o meu curso escolar, ata que unha compañeira faloume sobre os empréstitos do CFR (proxector, tablets...).  E ahí as experiencias na aula dan un cambio de 180º. As rutinas vólvense máis sinxelas e motivadoras para o alumnado. As explicacións usando aplicacións como genial.ly son collidas con moito máis interese. E todo isto pese ao proxector non estar calibrado, empregar un trozo de papel continuo como pantalla, a proxección estar torcida...
A finais de ano, instálase na aula un ordenador de sobremesa polo que xa podo empregar a tecnoloxía como recurso de apoio nas miñas sesións de maneira habitual.
Por todo isto, considero que as tecnoloxías non son imprescindibles pero sí son necesarias. O alumnado actual convive diariamente con elas na casa e para eles, o feito de ver vídeos, usar apps... é algo moi cotidiano. Ademais, o relacionan co tempo de lecer e de xogo polo que podemos aproveitarnos desa vinculación para acadar obxectivos dunha maneira lúdica.
Agradecer ao CFR polo oferta tan completa de empréstitos aos centros así como o sistema a seguir, xa que facilita moitísimo a nosa labor docente.

16 de febrero de 2018

CREACIÓN DE AULA


Neste curso 2017-2018 procurouse fomentar o traballo colaborativo nas nosas aulas e aproveitamos o empréstito das tablets para traballar en diferentes aulas, distintas áreas e competencias. As vantaxes do traballo colaborativo son múltiples:

- Interiorización de normas como: respecto pola opinión dos demais, escoita activa, tanto das explicacións coma das propostas dos compañeiros/as.

- Dirimir entre diferentes opcións de forma pacífica.

- Os alumnos/as son responsables do tempo, avance e de organizarse eles mesmos.

- Fomenta a creatividade.

- Gozan e aprenden ao mesmo tempo con propostas e actividades dinámicas.

Dada a versatilidade que ofrece este recurso, é moi cómodo adaptar as propostas que ofrece á aula, atendendo á materia, contidos a traballar, etc., sempre tendo moi presente que non debemos deixar lugar á improvisación total, dado que perderíamos moito tempo. É imprescindible dominar as ferramentas, apps, contidos a traballar que imos a empregar, para poder obter un rendemento óptimo e sustancial do tempo.

Formuláronse diferentes propostas en diferentes niveis:

- Nos niveis inferiores, realizaron actividades que combinaban diferentes aspectos da área de plástica, matemáticas e lingua, dando un peso importante ao desenvolvemento das habilidades sociais e traballos colaborativos, xa que nalgúns momentos o noso alumnado debía compartir, agardar para empregar a tablet ou colaborar, ademais de realizar actividades propias das materias mencionadas. É moi interesante ver a evolución dos primeiros días, incluso momentos, mentres lles imos guiando, e van desenvolvendo estratexias útiles e efectivas de resolución de conflictos. Desta maneira traballamos de forma global: competencia lingüística e dixital eminentemente, así coma a social e cívica (respecto polos compañeiros/as, traballo en grupo) e a de iniciativa e emprendemento (para elaborar eles mesmos as súas propias produción e historias).

- Nos niveis superiores buscamos diferentes apps nas que se traballaban contidos específicos da materia, como por exemplo: xeografía, historia. Un xeito divertido de enfocar a aprendizaxe, onde os alumnos/as aprendían directamente e relacionaban conceptos.

- Co alumnado con NEAE empregamos diferentes apps, tamén en grupo aproveitando a figura de alumnos/as guía, para traballar aspectos que nos interesaba desenvolver: estimulación sensorial, conceptos básicos, dinámicas motrices e de percepción...

Son moitas as app que podemos empregar con fins educativos, pero algunhas das apps que escollín: Bamboo Paper (https://itunes.apple.com/es/app/bamboo-paper-bloc-de-notas/id443131313?mt=)e Puppet Pals HD (https://itunes.apple.com/es/app/puppet-pals-hd/id342076546?mt=).

                                               


Nunha das actividades que lles propuxen, por exemplo, tiveron que escribir unha historia e tiñan que plasmar o resumo escrito na app de Bamboo e logo grabar a historia con diferentes personaxes con Puppet Pals.

Está claro que o primeiro que hai que facer é explicarlles como funcionan as apps e a finalidade do seu uso, pero dado que son nativos dixitais, en seguida buscan eles e resolven as dificultades que van aparecendo.

O tempo é un factor esencial e non dispoñiamos de moito, polo que con máis tempo ou máis práctica estou segura que estarían máis organizados, pero estou moi satisfeita do traballo realizado, xa que o fin era que colaboraran todos e produciran todos e todas.



REFLEXIÓN

As utilidades das tablets son moitas, ninguén o dubida. Precisamos de maior traballo con elas na aula, para que non sexan só un instrumento de distracción, e poder aproveitar todo o seu potencial. Gran parte do problema é que os nenos non son quen de organizarse, revisar o traballo feito, cooperar en grupo... Pero a única maneira de conseguir isto é facéndoo e que mellor maneira que empregando algo tan atractivo e intuitivo como son as tables.

Temos que ter claro a finalidade do seu uso, como complementaran as nosas materias e buscar concretamente o que se axusta ao noso propósito.

Ao non estar acostumados a empregar este tipo de dispositivos para o fin que se lles propuñía (elaborar unha historia, escribir e creala, traballar en grupo, buscar e empregar apps didácticas) foi difícil acadar un grao de “perfección” axeitado, xa que ven a tablet coma un xoguete case exclusivamente. Estou convencida que se fose algo máis habitual os resultados serían formidables, tanto do que fan, coma do nivel de aprendizaxe que poden acadar co uso desta tecnoloxía. Ademais, este tipo de dispositivos permite un feedback inmediato, polo que os alumnos/as séntense moi motivados e contentos polo seu traballo.

Sen dúbida a experiencia foi moi frutífera e divertida, os nenos/as gozaron e aprenderon contidos da aula e despregaron as súas habilidades artísticas, sociais, de aprender a parender, etc. Colaboraron todos e cada un deles, en pequeno grupo, animándose uns aos outros e aportando todos as súas opinións. Xurdiron pequenos conflitos que tiveron que resolver eles mesmos, pero claramente iso era outra parte da finalidade das actividades.

2 de julio de 2017

Valoración do uso do Zowi en infantil

Sesións levadas a cabo na aula de Guillarei, onde se utilizou o Zowi en dúas situacións:

  • Xogo libre con todo o alumnado
  • Xogo libre cunha alumna con mutismo selectivo
A experiencia foi moi positiva en ambos casos. Os nenos disfrutaron moito da actividade en grupo. Chamoume moito a atención que este robot despertase tanta "tenrura" entre os cativos; pois can Zowi se mostraba "triste" a reacción dos nenos era que todos o querían acariñar.
No caso da alumna con mutismo selectivo, traballei individualmente con ela mediante a manipulación de regletas para construir unha casiña para o robot. A sesión foi moi positiva xa que a alumna mostrouse alegre, moi solta e a gusto, cariñosa co robot e colaboradora, chegando en varias ocasións a responder verbalmente ás preguntas feitas ao facer referencia a Zowi; e a diversas preguntas sobre un conto que se lera na sesión anterior.



Artigo realizado por Mónica (PT)

29 de junio de 2017

Zowi e @escornabot, valoración do seu uso na aula de Ribadelouro


ZOWI

A experiencia con Zowi foi moi positiva. Dende o primeiro momento este "bebé robot" (nome que lle puxeron os nenos e nenas) resultou moi atractivo para eles, espertando rapidamente a súa curiosidade, principalmente para o grupo de 3 anos.
Despois de presentalo, describilo, observalo, imitalo... decidimos afondar máis no comportamento dos robots polo cal, e despois de numerosas preguntas por parte dos nenos e nenas de 4 e 5 anos, plantexamos realizar unha pequena investigación sobre o funcionamento de zowi.
Entre outros aspectos investigamos:
- como sabe woxi que ten un obxecto diante?
- a que distancia recoñece que hai un obxecto?
- os obxectos teñen que ser grandes ou pequenos?
- recoñece que hai obxectos na escuridade?

A través de zowi traballamos, entre outros, conceptos como: grande-pequeno, diante-detrás, aun lado e a outro, esquerda-dereita, recta numérica, medidas...
Como conclusión, sinalar que co traballo sobre zowi, púxose de manifesto o desenvolvemento de todas as competencias clave, ainda que dunha forma máis produnda contrinuímos ao desenvolvemento da competencia matemática e competencia básica en ciencia e tecnoloxía a sí como a de aprender a aprender.


ESCORNABOT

A experiencia co escornabot tamén foi moi significativa. Foi o segundo robot presentado. Ao igual que o anterior, despois de presentalo, observalo, describilo e estudar o seu comportamento decidimos traballar con el. Espertou moito interese entre os nenos de 4 e 5 anos.
Traballamos conceptos como: serie numérica, nocións de espazo... e dependendo da actividade outros como cores, vocabulario relacionado...

Algunhas actividades:
- quen é quen? xogo de adiviñas sobre profesións
- Cada conto co seu título
- Figuras xeométricas

Como conclusión sinalar que a través do escornabot púxose de manifesto unha aprendizaxe constructiva e significativa xa que partimos do método heurístico (ensaio-erro), permitindo que os nenos modifiquen, ampíen e diversifiquen os seus coñecementos.


28 de junio de 2017

Artigo reflexión: Profes por un día. Promocionando a robótica

O motivo polo que solicitei os 4 robots mBot Ranger ao CFR de Vigo, foi debido a escasez de robots dos que dispoñamos no centro.
Xa que no centro dispoñemos de 6 robots mBot Ranger, pero  este material quedaba escaso para as actividades que estabamos a deseñar tanto para a aula das materias de Tecnoloxía e TICs coma para a visita dos centros de primaria adscritos ao noso centro.
Queríamos que fora algo máis que unha visita de oir e ver, queríamos que interactuasen co centro. Asi que plantexamos que os alumnos de Bahcarelato de ciencias que cursan materias de Tecnoloxía foran profesores por un día, ensinado programación e robótica, sendo estes contidos dos máis motivadores na aula.

O grupo de alumnos de primaria que ía visitar o centro era moi elevado, uns 55 alumnos e alumnas, e o tempo que ían a estar era moi limitado, dende as 10 da maña ata a 1. Asi que optamos por dividilos en dous grupos, e con 10 robots tiñamos máis opcións de que esta activadade chegara a todos eles.

O resultado foi fantástico, xa que todos poideron probar o súa programación nun robot. Unha das mostras de que esta activadade resultou ser un éxito, e que unha vez concluido o tempo, tanto os rapaces de primaria como os de Bacharelaro queirían seguir programando e disfrutando do manexo do robot.

Artigo realizado por Alicia Pérez

26 de junio de 2017

Valoración do uso dos robots na aula de Pexegueiro

A aula de Pexegueiro foi a última en ter a oportunidade de usar os robots, e cando chegaron tan só disponíamos de tres días, pois os outros tiveramos excursión. Nesta aula usáronse os robots Zowi e Ozobot.
A mestra especialista de inglés foi a encargada de levar a cabo as actividades cos robots, pois tiña preparadas unhas actividades para enlazalas coa súa unidade didáctica "House"

OZOBOT

  • Na primeira seisón que apareceu o ozobot, a espectación foi grande. "¿Que traes hoxe, teacher? ¿Que é iso tan pequeno? ¿É un xoguete?" e por suposto, unha vez que o viron encendido xa a cousa foi máis alá.
  • Tras a explicación do que era e como funcionaba, chegou o turno de traballar con el; pois íamos facer que o robot escribira o noso nome. Xa tiñamos preparados os nosos nomes dunha actividade anterior feira no EDI, onde cada letra era dunha cor diferente.
  • Cada neno tivo a oportunidade de inspeccionar o robot e probalo no seu nome.
  • Unha vez rematada a actividade, eles querían máis e saíu deles o debuxar camiños para que o robot pasese por riba. Esta nova actividade serviulles para profundizar no coñecemento do robot, pois a través da experimentación déronse conta de que as liñas tiñan que ser dun grosor específico e que se combinaban certas cores os movementos do robot tamén cambiaban.
  • A segunda sesión co ozobot, xa estaba preparada de antemán, pois a teacher necesitaba axuda e a titora prestouse a axudar. Invitouse ás familias para que colaboraran na actividade pois máis que nada precisábamos de axuda.
  • Tratábase de localizar en Google Maps as casas dos alumnos, marcalas no EDI xunto co cole, para despois imprimir esas imaxes e trazar o camiño da "house/casa" ata a "school/escola" para que o robot non se equivocara nos "roads/camiños"
  • Aí tiveron a ocasión, as familias, de coñcer os robots e participar cos nenos/as na súa aprendizaxe.
ZOWI:
  • O caso do uso do zowi foi totalmente inesperado, pois a terceira sesión, a teacher quedara facendo apoio na aula co alumnado de 4º de infantil, xa que os demáis estaban de excursión.
  • Como os dous días anteriores falaramos tanto de robots, un dos alumnos trouxo un robot de xoguete, entón aproveitei para presentarlles o Zowi, que tamén parece un xoguete.
  • Por suposto encantoulles. Fixeron comparacións entre os dous robots. Despois quixeron ver cal andaba máis rápido. Crearon un circuito para xogar co Zowi e co xoguete-robot.
  • Bailaron imitando ao zowi, e por suposto intentaron imitar as súas caras.

CONCLUSIÓN

Valoración totalmente positiva, pois póñense en práctica diferentes metodoloxías de traballo e aprendizaxe
Traballamos as emocións, a psicomotricidade, a espera do turno, a paciencia ademási de vocabulario.
Fomentouse o traballo colaborativo
Quedamos con tempo para probar o makey makey.
O alumno disfrutou inmensamente coa experiencia e a súa vez as familias que puideron participar con nós.


25 de junio de 2017

Ozobot e Makey Makey na aula de Paramos


   O ozobot foi unha experiencia moi positiva, favoreceu traballar a psicomotricidade fina e a creatividade. Tiveron que diseñar camiños, pintalos ben porque senón non funcionaba, ver como facer os camiños para que xirase...

   Resultoulles moi atractivo tanto polo tamaño, pola maneira de moverse e porque cambiaba de cor.

   O makey makey tamén lles gustou moito. Era como máxico tocar nas culleres e garfos e que emitira son. Despois probamos coas nosas mans e iso aínda lles gustou mais. O inconvinte foi que ten cables moi curtos e tropezaban uns con outros, non permitía ver todos, pelexábanse, etc. Polo cal a miña suxerencia é ter cables suficientemente longos para mellor comodidade e disfrute.





23 de junio de 2017

Makey Makey na aula de Guillarei

   Na aula de Guillarei este material causou expectación dende o comezo: ¿para que serven todos eses cables? ¿Por qué son de cores diferentes?

   Montamos cos pequenos pouco a pouco o Makey Makey seuindo as instrucións dadas e probamos ucnha actividade sinxela: tocar un piano en botes de auga. Encantoulles.

   A motivación que sentían por poder tocar eles as teclas acuáticas axudoulles a respectar as quendas e a ter paciencia para explicarlles o funionamento aos seus compañeiros. Entenderon moi ben o seu funcionamento: era preciso tocar o cable negro para que as teclas soasen. ¡Incluso descubrimos que tamén valía tocando a alguén que estivese tocando o cable! Isto derivou na seguinte variante da actividade... ¡que fósemos nós as teclas do piano!

   Destacar tamén que probamos diferentes xogos na plataforma Scratch. Os nenos sentíronse abraiados ao comprobar que poedríamos usar o noso propio corpo como mando para xogar no ordenador.

   De dispoñer máis tempo con eles, creo que este material podería dar moito de si como medio para lograr diferentes competencias cos pequenos. Non obstante, este só se empregou un día nesta aula, polo que o tempo supuxo unha limitación neste sentido.


22 de junio de 2017

Uso dos robots na aula de Caldelas


ZOWI:

  • Coñecemos a Zowi e as súas partes.
  • Comprobamos que camiñaba e que tiña sensores que lle permitía esquivar obstáculos.
  • Xogamos coas emocións cambiando as diferentes bocas de Zowi coa Tablet.
  • Elaboramos secuencias de movementos: levantar pata, pasos adiante, pasos atrás, moverse para un lado, para o outro,...
  • Diriximos a Zowi coa Tablet para xoar ao fútbol. Construimos unha portería cos bloques de construcción e levamos a Zowi cara á pelota para que marcase gol.
  • Creamos con diferentes materiais (bloques lóxicos, pezas de construcción,...) percorridos para que Zowi os recorrese.

OZOBOT
  • Presentamos o ozobot, vimos que era moi pequeno, a súa forma como unha pelota e que tiña unhas pequenas rodas polo que seguramente se movería.
  • Ao encendelo descubriron tamén que tiña luz, debuxamos liñas na tablet e puideron comprobar que o ozobot seguía os camiños debuxados e que a súa luz cambiaba de cor según a cor do camiño.
  • Creamos cada un un percorrido nun folio cun rolutador e comprobamos que o ozobot o seguía. Acabamos unindo os 14 folios pra formar un gran camiño para o ozobot.

MAKEY MAKEY
  • Presentamos aos nenos o makey makey. A regunta era para que servían tantos clables.
  • Conectamos o Makey Makey ao ordenador e á pizarra dixital. Na plataforma scratch buscamos un piano e colocamos uns vasos con auga no chan nos que introducimos os cables. Propuxemos facer soar o piano metendo os dedos na auga. Os nenos quedaron sorprrendidos ao ver que ao tocar a auga facían soar o piano como se fosen as súas teclas.
  • Aproveitando o día da merenda no que os nenos traen froita prouxeos tocar, esta vez, unha batería pero conectando os cables do makey makey a diferentes froitas (amorodos, peras, mandarinas, plátanos e mazás). A continuación fixemos a mesma actividade, tocar a batería, pero conectándose eles mesmos aos diferentes cables, polo que un neno dándolle unha palmada na man aos seus compañeiros facía que soase.

ESCORNABOT
  • Posto que na aula de Caldelas coincidiron os dous escornabots e os nenos xa o coñecían decidiron comprobar cal dos dous escornabots era máis rápido. Introduciron o mesmo código de pasos adiante en cada un dos robots, e fixeron unha carreira a ver cal chegaba antes á meta.

CONCLUSIÓN:
A utilización dos robots na aula de Caldelas foi moi positiva e motivadora para os nenos. Despertou moita curiosidade e interese pola súa parte.

Permitiunos traballar diferentes aspectos como:
  • Conceptos: adiante, atrás, dereita, esquerda... (dirixindo os robots)
  • Emocións (bocas de zowi)
  • Psicomotricidade fina (creando os percorridos do ozobot)
  • Cores (según a luz do ozobot polos diferentes camiños)
  • Creatividade (construindo percorridos, creando melodías co makey makey...)
Inconvenientes atopados:
  • Solucionamos a impaciencia dos nenos xa que tiñan que esperar polo seu turno facendo diferentes grupos.
  • Co ozobot o principal problema foi que as liñas que tiñan que debuxar tiñan que ser dun determinado grosor xa que doutro xeito non funcionaba.
  • Co makey makey os cables quedaron curtos e os nenos tiñan que estar moi xuntos
  • O pouco tempo que tivemos para utilizalos xa que quedaron actividades por facer e que cincidisen todos os robots ao mesmo tempo.

En xeral a experiencia foi moi positiva tanto para os nenos como para as mestras xa que todos aprendemos algo con eles.





3 de mayo de 2017

ACIC: Aprendizaxe Cooperativa, Interactiva e Creativa

MOTIVOS DE SOLICITUDE:
1.- Continuar co uso de dispositivos móbiles como ferramentas de aprendizaxe creativa en equipos de traballo cooperativo (6º).
2.- Fomentar o uso dos iPads entre o resto do profesorado, comprobando as súas posibilidades para o desenvolvemento da lectoescritura durante o tempo dedicado ao Proxecto Lector (2º).
3.- Descubrir as posibilidades creativas de aplicacións dos iPads, mellorando a capacidade de comunicación do alumnado (2º e 6º).
4.- Atender á diversidade do alumnado co gallo de implicar a tod@s e, en especial, a aquel con Necesidades Específicas de Apoio Educativo (2º e 6º).

PROCESO DE DESEÑO:
1.- Configurar os iPADS para aforrar tempos, descargando as aplicacións citadas: ChatterPix + iMovie, PuppetPals e FotoComicBubbles + Poto.
2.- Elaborar creacións finais de exemplo para cada tarefa para visualizar na PDI e motivar ao alumnado sobre o que poden facer.
3.- Publicar na aula virtual (Edmodo) as creacións finais de cada grupo, puidendo elaborar outras na casa para @s que teñen iPads propios (6º).

POSTA EN PRÁCTICA:
1.- Explicación das tarefas a realizar e aplicacións a empregar, facendo uso do meu iPad conectado á PDI.
2.- Recollida, coidado e entrega dun iPAD por equipo, a cargo daquel/a alumn@ encargad@ do material nese momento.
3.- Realización das creacións por equipos e posterior recompilación de todas nun mesmo iPad para a súa montaxe (ChatterPix).

IMPRESIÓNS:
1.- Materiais: aplicacións con certas limitacións (ChatterPix polo pouca funcionalidade e PuppetPals por ter poucos escenarios e personaxes).
2.- Proceso de ensino-aprendizaxe: mellora das competencias clave, sobre a todo a Dixital, ademais da Competencia en Comunicación Lingüística (expresáronse oralmente e por escrito) e a Competencia Aprender a Aprender (autonomía e creatividade nas creacións propias).

3.- Práctica docente e programación didáctica: A miña intervención educativa enriqueceuse co uso de novas aplicacións, perfectamente encaixadas cos contidos recollidos na programación do curso (6º). Por outra banda, máis profesorado animouse a participar no tempo do Proxecto Lector, aproveitando a miña disponibilidade para axudar e supervisar o uso dos equipos (2º).

Manuel Díaz Congil
CEIP Lope de Vega

28 de abril de 2017

Reflexión sobre o uso de Osmo no Ceip nº 1

É inevitable e por suposto incongruente ignorar a influencia das TIC no noso día a día. Xa hai algún tempo que camiñamos a paso lixeiro pola era dixital e en materia educativa é evidente que ese necesario cambio xa está en marcha.
O dixital controla a nosa realidade vital desde o inicio do día: o noso espertador deixou de vocexar desesperadamente na mesa de cabeceira para dar paso a unha melodía motivadora que sae do noso smartphone. Comprobar qué tempo vai na nosa cidade, revisar últimas noticias, actualizar as nosas redes sociais, buscar receitas de comida green, consultar parámetros despois dunha sesión de gym ou running, facer anotacións sobre rutinas de sono...
A nosa vida está dominada pola dixitalización, entón, por qué nos resistimos a aceptar que os nosos peques xa non vivirán xamais de maneira analóxica?
Hai xa algún tempo aliñáronse os astros para facer coincidir nun mesmo centro educativo a Nuria Garabal, Marta Álvarez e Nuria Feijóo; recentemente outro capricho do destino (tamén coñecido como CADP ou CXT) quixo que Vanessa Táboas formase parte deste equipo que comparte inquedanzas, tolemias, fame de coñecemento, ansiedade polo cambio... e 4 iPads como ferramenta didáctica.
Todas coincidimos no instinto dixital e grazas a que nos enfrascamos nunha espiral de cultura de colaboración en moi pouco tempo vímonos inmersas en longas conversacións e WhatsApps (como non?) sobre apps de todo tipo nas que fedellamos día a día sen cesar nas nosas aulas. 
Que por qué? porque todos somos conscientes de que a nosa escola debe avanzar ao mesmo ritmo que o fai a nosa sociedade. Que estes dispositivos conseguen chegar onde ás veces os mestres non somos capaces, porque as pantallas retroilumoinadas entre as súas pequenas mans emanan MAXIA... e cando a maxia ten lugar ante os ollos dun neno, a mente e o corazón ábrense e xa nada volve ser igual.
Traballamos cada día con dispositivos persoais do profesorado que brindamos ao noso alumnado porque nós cremos nesa maxia. Oxalá contásemos co apoio da administración como xa ocorre nalgunha outra comunidade autónoma para que nos brindasen os medios económicos necesarios e seguir xogando ao "abracadabra" da aprendizaxe. 
Mentres tanto... seguiremos argallando.


23 de marzo de 2017

Creatales no CEIP Xosé Fernández López


XOGAMOS, APRENDEMOS E ENSEÑAMOS XUNTOS


Motivos Solicitude dispositivos:
Poderíamos enumerar unha inxente cantidade de motivos polos que poder dispor de estas  tablets na escola: interacción, motivación, clima aula, cambio metodolóxico, fonte información inagotable, autonomía persoal, mellora de competencias, creatividade, … , que aínda que non son unha tablet por neno, nen sequera unha cada dous, hai xeitos de organizar o seu uso e aproveitar a súa potencialidade como ferramenta de apoio ao proceso de ensino-aprendizaxe.

En concreto os nosos motivos son, por un lado, a obrigatoriedade que contempla o currículo: "Potenciarase o desenvolvemento de competencias básicas en ciencia e tecnoloxía"; "Educación dixital"; "Proceso que deberá permitir a aproximación ao método científico e ao uso das tecnoloxías de maneira secuenciada"; "Debe potenciarse a variedade de materiais e recursos, considerando especialmente a integración das tecnoloxías da información e da comunicación no proceso de ensino-aprendizaxe". Así como os contidos específicos de cada área aludindo á competencia dixital, á competencia en ciencia e tecnoloxía e á competencia a aprender a aprender.

Por outra banda, e atendendo aos fins últimos da Educación Primaria: "…facilitarles ao noso alumnado as aprendizaxes necesarias (…) co fin de garantir unha formación integral que contribúa ao pleno desenvolvemento da súa personalidade e de preparalos para o futuro".

E todo esto aunado coas Teorías sobre Intelixencias Múltiples, onde H. Gardner propón que os maestros amplíen a seu abanico de actividades, abrindo as portas a novas metodoloxías, novos e diversos recursos, … que impliquen a un maior número de intelixencias.

Con estos motivos e moitos outros, como non querer probar, experimentar, valorar, avaliar, … novas posibilidades que se nos van presentando?

Proceso deseño actividade:

CIENCIAS:
Despois dun primeiro contacto coas tablets no primeiro trimestre, onde nese pequeno acercamento nos limitamos a unha aproximación ao manexo: ubicación, búsqueda información, investigación e xogo online de repaso, consideramos que podíamos dar un paso máis.
Así, a intención agora era introducir o dispositivo no desenvolvemento das sesións dun xeito moito máis xeralizado: Utilizar as apps das que de forma gratuita podíamos dispoñer, introducila nos recunchos, xestionala nos minutos de libre disposición ao final da sesión, e por suposto aproveitar as funcionalidades da tablet para sacarlle o máximo partido o tema que estabamos a tratar.

EDUCACIÓN FÍSICA:
Aínda que a educación física é unha área eminentemente práctica e co tempo dispoñible, as instalacións deportivas, as escasas posibilidades tecnolóxicas "in situ", … parece impensable o uso das tablets, o feito de que sexan dispositivos móviles con infinidade de funcionalidades, nos permiten un traballo instantáneo e de continua retroalimentación, que doutro xeito sería impensable.
Ante estas posibilidades, proxectamos a presenza das tablets, nun momento de gran esixencia técnica que nos permitirá, a través dun traballo grupal, a implementación a través de foto e vídeo, de análise e corrección técnica e traballo táctico, todo, "in situ" e instantáneo, o que supoñía unha incorporación visual aos esquemas de movemento que facilitaban a corrección do posible erro e por suposto unha mellora, non só na execución, senón tamén, á hora da transmisión das mensaxes, na reflexión conxunta, na optimización da valoración, …


Posta en práctica:

Tanto nunha área como na outra, a posta en práctica foi altamente significativa. Salvo en contados momentos, o traballo realizouse case sempre en grupo, o que xa aporta un factor social, organizativo, colaborativo, … importante.

O que creo que pode resultar máis salientable e diferenciable en relación a como serían as actividades sen os dispositivos, seguramente, o tempo empregado e a organización. Sin lugar a dúbidas, realizaríamos as mesmas ou similares tarefas dentro das unidades traballadas, con 1 ordenador, 1 tablet, 1 cámara, … co material que ben a profe ou o centro nos brindase. Con 5 dispositivos, a organización e o aproveitamento de tempos e espazos foi moi distinta.

En concreto, en educación física, esa labor de corrección técnica instantánea e realizada por eles mesmos, sobre si mesmos e sobre o compañeiro, supón un cambio na execución dos movementos que doutro xeito non se integraría no esquema corporal do nen@ de forma tan efectiva (Sen falar de moitos outros beneficios adicionais).

Moita da importancia destos dispositivos está no uso que se faga deles. Nós, tanto en Ciencias como en Educación Física, tentamos que o obxectivo final das unidades fora elaborar un producto no que se precisara un alto grao de colaboración, compromiso, responsabilidade, … e por suposto cun factor importante en ámbolos dous casos de creatividade.

Está claro, que estos dispositivos dixitais, así como calquera outro, por si mesmos, non garanten a aprendizaxe, son ferramentas moi útiles, con moitísimas posibilidades, que os docentes debemos aprender a utilizar e facer uso delas en canto faciliten o noso labor e colaboren en acadar os obxectivos primordiais de todo proceso de ensino-aprendizaxe.


O resultado dalgunhas destas actividades estará online no noso blog de Ciencia:
O NOSO RECUNCHO DA CIENCIA

15 de febrero de 2017

A experiencia nos deixou con ganas

A oportunidade que se expuso no noso centro, dende o meu punto de vista, foi moi positiva. Eu, persoalmente levo xa un tempo metida no uso dos dispositivos; o principal problema que nos atopamos nos centros é a formación que posúen os Mestres. Este motivo é unha das razón con máis peso a hora de rexeitar este material,  posto que este tipo de recurso evoluciona moi rápido, deixándote obsoleto nun curto espazo de tempo . Considero que logo de realizar esta experiencia no meu centro a actitude dos meus compañeiros ante o uso dos Ipads cambiou  considerablemente, vendo os dispositivos móbiles como algo doado e moi motivador por parte dos rapaces.
É certo que sentirse arroupados nas aulas por outra persoa que coñeza o seu funcionamento e saiba resolver as dúbidas que poidan xurdir facilita o traballo , pero creo que este detalle é o comezo, para poder deixar fora  certas opinións ou medos
Os pequenos obradoiros que montamos nos recreos e horas de lectura para os cursos de 2º e 3º ciclo foron moi concorridos, a miña intención era aportar aos nenos algunha ferramenta para que aqueles que tiveran en casa unha tablet puideran ver que hai máis Apps diferentes a xogos, cas que nos podemos pasalo ben e realmente o seu obxectivo foi conseguido e deixar no blogue da biblioteca guías para aquelas persoas que estiveran interesadas en empregar App tiveran un punto de partida.

http://librincios.blogspot.com.es/

Seguro que volveremos a acudir a este recurso nun futuro , posto que a experiencia deixou con ganas de máis tanto a maiores como a cativos


Este artigo foi elaborado por Ana Pérez en maio de 2016