7 de enero de 2015

Reflexión persoal do uso da tableta por Mónica Muñoz

Hai ano e medio decidín regalarme un ipad. Cría firmemente nas súas posibilidades educativas. Mais a falta de tempo e o meu posicionamento de non empezar a descargar apps ó tolo, senon empregar aquelas realmente útiles foron postergando a miña incorporación efectiva a este mundo. 

O curso pasado o CFR de Vigo ofertou un curso sobre iPads. Por suposto, apunteime (era a oportunidade que esperaba) e alí foron contestadas todas as miñas preguntas e inquedanzas. 

O primeiro que me gustaría salientar é que os ipad son, ó meu modo de ver, o instrumento idóneo para traballar as competencias na aula. Nos últimos anos víñame preocupando a obsesión dos docentes (no que respecta ás tecnoloxías) por dominar a técnica, por coñecer un montón de programas, por que os resultados visuais resultaran "espectaculares". Sen embargo (sempre segundo a miña opinión) despreocupabámonos do contido: as tecnoloxías non estaban axudando a mellorar a expresión escrita do noso alumnado, nin a desenvolver as capacidades de selección, análise, síntese ou reelaboración dunha información dada. 

Por todo isto, coido que a vistosidade dos resultados e a sinxeleza de uso dos ipads permítennos incidir no realmente importante: no que queremos contar. 

Dada esta convicción, dende o Equipo de Biblioteca decidimos dar un pequeno paso de cara ó uso destas tecnoloxías. Pero, antes de mercar ningún terminal, aceptamos o ofrecemento do CFR e preparamos unha Xornada de Formación co profesorado do centro. 

Dividímonos en diversos equipos (por ciclos ou especialidades) e adxudicamos a cada equipo unha tarefa a desenvolver cunha determinada app:

  • En Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria co Thinglink;
  • En 3º e 4º de Primaria con Snapguide;
  • En 5º e 6º de Primaria con Storehouse;
  • O profesorado do Departamento de Orientación con Toontastic;
  • Os especialistas de Lingua Estranxeira, Educación Física e Relixión con  Creappcuentos

Neste enlace podedes ver a nova desta Xornada de Formación recollida no blog da nosa Biblioteca: 



Previamente, elaboramos uns titoriais sobre estas ferramentas, e analizamos algunhas das súas posibilidades de uso nun artigo escrito empregando Storehouse

Con esta mesma ferramenta, as titoras do Terceiro Ciclo elaboraron esta reseña da Xornada: 


Evidentemente, ante o novo sempre hai moitas reticencias e moitas excusas (que si o prezo, que si o software libre...). Para mín esta experiencia cos profes é un reflexo do que pode ser traballar cos alumnos: ten sido motivadora, ten fomentado o traballo en equipo, ten permitido a integración de múltiples competencias (a comprensión lectora, a expresión escrita, a relación social, o uso das tecnoloxías...). Pero isto é como un iceberg. Só podemos ver o 10% da súa superficie. O mellor está oculto. Así que... seguiremos investigando!

--
Mónica Muñoz Sobrino
CEIP Frian - Teis

No hay comentarios:

Publicar un comentario