6 de marzo de 2015

Reflexión sobre a actividade "Unha animalada de primeira"

Concretamente para este tipo de tarefa foi imprescindible solicitar ao CEFORE dous dispositivos IPad  a maiores, xa que a actividade tiña como  obxectivo que todos os nenos e nenas estivesen a traballar no proxecto ao mesmo  tempo, polo que necesitamos catro tablets para as tres estacións que ían traballar con estes dispositivos.
A presenza de dúas profesoras na aula, segundo como se presentou a actividade, foi imprescindible, sobre todo porque se utilizaron  espazos diferentes, e porque sempre xurden dúbidas nos nenos que precisan de atención inmediata.
Tras esta primeira experiencia son moitas as gañas de continuar nesta liña, o resultado final foi mais positivo do esperado, non so aportou motivación senón que aumentou a atención e a responsabilidade dos nenos e nenas, e axudou a conseguir e fixar os estándares que queriamos obter.  Por ser algo novo para nós e para os alumnos,  houbo pequenos erros de principiantes da nosa parte e un aumento da excitación dos nenos, calquera destes dous aspectos son claramente remediables facendo que, as tablets pasen a formar parte da rutina das nosas clases.
A  hora de publicar o traballo, tivemos a inestimable cooperación das nosas asesoras do CEFORE, Cris Puga e Ana Mariño, e imprecindible para nós darlles as grazas dende este artigo.


Artigo publicado por: Conchi Orellana e Manuela Fernández (Ceip A Paz Tintureira)

UNHA ANIMALADA DE PRIMEIRA

Este é o título da tarefa realizada cun grupo de rapaces de primeiro curso do CEIP A Paz (Tintureira).  


O Trailer do proceso de creación do diccionario, realizado coa app iMovie:
Aproveitando que as dúas mestras, a titora e a especialista de inglés,  estábamos a traballar os animais  cos rapaces, decidimos unificar o noso traballo facendo unha actividade conxunta sobre este tema. Desta maneira xurdiu a idea de facer unha tarefa cuxo produto fora un dicionario bilingüe galego-inglés  sobre esta temática, para deixalo coma un recurso mais no ordenador da aula,ou na da biblioteca do centro.
A pouca experiencia persoal  no uso das tablets dentro da aula, xunto co feito de que sería a primeira toma de contacto dos rapaces con estes dispositivos dentro da aula, obrigounos a planificar atentamente cada un dos aspectos  organizativos.
Unha vez que tivemos claro, o que queríamos facer e para que, pensamos na forma de lévalo a cabo, dun xeito no que todo o alumnado participará e interactuara, cooperando se fose necesario.
ORGANIZACIÓN E RECURSOS
Fixemos 6 equipos de 4 /5 persoas e creamos unha yincana con seis estacións de traballo, nas que cada grupo  traballaría en cada unha uns 12 min. pasando logo  a seguinte estación; tres para o uso das TABLETS en equipos (Apps: Lesoon Create, Tellagami e gravación dunha  entrevista  para a suposta  tele do noso centro “teletintureira”; entre cada unha, puxemos estacións para voltar a calma, con traballo máis relaxado, creación de puzles  de animais, elaboración dun guión para a entrevista, e composición dun sobre para gardar os puzles da estación anterior.

7 de enero de 2015

Reflexión persoal do uso da tableta por Mónica Muñoz

Hai ano e medio decidín regalarme un ipad. Cría firmemente nas súas posibilidades educativas. Mais a falta de tempo e o meu posicionamento de non empezar a descargar apps ó tolo, senon empregar aquelas realmente útiles foron postergando a miña incorporación efectiva a este mundo. 

O curso pasado o CFR de Vigo ofertou un curso sobre iPads. Por suposto, apunteime (era a oportunidade que esperaba) e alí foron contestadas todas as miñas preguntas e inquedanzas. 

O primeiro que me gustaría salientar é que os ipad son, ó meu modo de ver, o instrumento idóneo para traballar as competencias na aula. Nos últimos anos víñame preocupando a obsesión dos docentes (no que respecta ás tecnoloxías) por dominar a técnica, por coñecer un montón de programas, por que os resultados visuais resultaran "espectaculares". Sen embargo (sempre segundo a miña opinión) despreocupabámonos do contido: as tecnoloxías non estaban axudando a mellorar a expresión escrita do noso alumnado, nin a desenvolver as capacidades de selección, análise, síntese ou reelaboración dunha información dada. 

Por todo isto, coido que a vistosidade dos resultados e a sinxeleza de uso dos ipads permítennos incidir no realmente importante: no que queremos contar. 

Dada esta convicción, dende o Equipo de Biblioteca decidimos dar un pequeno paso de cara ó uso destas tecnoloxías. Pero, antes de mercar ningún terminal, aceptamos o ofrecemento do CFR e preparamos unha Xornada de Formación co profesorado do centro. 

Dividímonos en diversos equipos (por ciclos ou especialidades) e adxudicamos a cada equipo unha tarefa a desenvolver cunha determinada app:

  • En Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria co Thinglink;
  • En 3º e 4º de Primaria con Snapguide;
  • En 5º e 6º de Primaria con Storehouse;
  • O profesorado do Departamento de Orientación con Toontastic;
  • Os especialistas de Lingua Estranxeira, Educación Física e Relixión con  Creappcuentos

Neste enlace podedes ver a nova desta Xornada de Formación recollida no blog da nosa Biblioteca: 



Previamente, elaboramos uns titoriais sobre estas ferramentas, e analizamos algunhas das súas posibilidades de uso nun artigo escrito empregando Storehouse

Con esta mesma ferramenta, as titoras do Terceiro Ciclo elaboraron esta reseña da Xornada: 


Evidentemente, ante o novo sempre hai moitas reticencias e moitas excusas (que si o prezo, que si o software libre...). Para mín esta experiencia cos profes é un reflexo do que pode ser traballar cos alumnos: ten sido motivadora, ten fomentado o traballo en equipo, ten permitido a integración de múltiples competencias (a comprensión lectora, a expresión escrita, a relación social, o uso das tecnoloxías...). Pero isto é como un iceberg. Só podemos ver o 10% da súa superficie. O mellor está oculto. Así que... seguiremos investigando!

--
Mónica Muñoz Sobrino
CEIP Frian - Teis

Exemplo práctico de uso na aula

Aplicación: I-nigma
Prezo: gratuíto
Dispositivo: iPad e tamén disponible en Android
Descarga en APP Store
Descarga en Google Play



O primeiro achegamento do noso alumnado ós ipad foi co gallo da celebración do Día das Bibliotecas Escolares (24 de outubro). Interesabanos moito motivar ó alumnado de cara ó inicio do noso PDI anual, polo que quixemos involucralos nunha tarefa de investigación na que puxeran en xogo múltiples habilidades: a comprensión lectora, o traballo en equipo, o uso das novas tecnoloxías, as búsquedas eficaces en Google, a lectura de textos discontínuos (imaxes e mapas), as capacidades de síntese e relación...

Os lectores de códigos QR semellan unha ferramenta idónea para pasar de xeito sinxelo do formato papel ó formato dixital. Ese foi o medio que empregamos, pois, para introducir ó noso alumnado na celebración dun feito singular que acaeceu no 2014: o centenario do descubrimento do Pergamiño Vindel, onde aparecen recollidas as sete Cantigas de Martín Códax. 

O Equipo de Biblioteca, tras investigar na Rede, creou un código QR para acceder á información sobre o Pergamiño Vindel que nos pareceu máis axeitada para o noso alumnado (1º a 6º curso de Primaria). Para iso empregamos un xerador gratuíto de códigos QR de Google (goo.gl). Impreso en papel o dito código, os alumnos só tiveron que escanealo cos ipad, empregando para iso a aplicación gratuíta I-nigma. 

O proceso seguido na actividade podedes lelo neste enlace do blog da nosa Biblioteca: 


Resultou sorprendente a capacidade de observación e de relación dos rapaces. Enseguida (incluso sen ter na súa casa tabletas dixitais) adiviñaron que o símbolo pegado no reverso da copia do Pergamiño Vindel era un código QR, e que tiñamos que escanealo co ipad. Ademais, a motivación foi moi elevada. 

Pero, a nivel educativo, creo que resulta moi interesante a capacidade dos códigos QR para relacionar un documento escrito co mundo virtual, de xeito moito máis sinxelo a como viñamos facendo ata o de agora (probastes algunha vez a copiar unha dirección URL moi longa...?; seguro que vos equivocastes moitas veces). Co ipad, o proceso resulta inmediato e sen problemas. E como estas aplicacións tamén podemos descargalas nos móbiles, xa non dependemos de conexións a Internet. Un modo de expandir tamén a nosa actividade non só entre o noso alumnado, senon tamén entre as súas familias. 


--
Mónica Muñoz Sobrino
CEIP Frian - Teis

16 de noviembre de 2014

Curso 2014/2015

A partir deste artigo publicaremos todo o relacionado co novo curso.

Deixamos enlace ao symbaloo onde xa temos moitas cousas e pouco a pouco engadiremos novidades. Pincha na imaxe se queres acceder a él.