11 de febrero de 2020

Uso de ipads na aula

A principios deste curso decidímonos a facer un seminario sobre o uso das tablets na aula para implementar o uso das novas tecnoloxías no noso centro. Comezamos en outubro e o principal problema que tivemos foi          que non dispoñíamos de ningunha no centro, así que solicitamos no CEFORE o préstamo delas para poder usalas.
No seminario vimos varias aplicacións sinxelas de usar e prácticas para a clase. En xeral creo que foi unha actividade que gustou xa que  moitas das aplicación que vimos como Chatterpix ( serve para simular que unha foto está a falar),Thinglink ( pódense poñer enlaces de voz e vídeo a unha foto) ou Toontastic ( pódese usar para facer contos interactivos xa que o alumno pónlle voz e movemento as personaxes) non se poderían levar a cabo do mesmo xeito.  Nelas o alumno ademáis de crear un texto , ten que lelo e gravalo sendo moito máis interactivo que se o facemos de xeito tradicional. A única posibilidade de facer algo parecido coma Chatterpix, sería gravar aos nenos cunha careta para que parecese que falasen. O Thinglink sería imposible de facer xa que permíteche facer fotos interactivas e con enlaces e Toontastic sería algo parecido a facer un cómic pero sempre lle faltaría o movemento e a voz.
A todos os membros do seminario gustounos moito a súa acollida por parte do alumnado e tamén os resultados que acadamos. Alumnos que non soen participar nas clases estiveron moi motivados e traballaron a reo para poder facer un bo traballo, de feito, o resultado gustounos tanto que xa adquirimos un par de ipad para o seu uso no centro coma unha ferramenta máis.

Chatterpix: unha ferramenta para a aula

A finais do curso pasado un grupo de Mestres do CEP Doutor Fleming quixemos comezar a utilizar tablets na aula para a incorporación das novas tecnoloxías no noso centro polo que decidimos facer un grupo de traballo para formarnos. O que comezou como unha inquedanza das mestras de inglés foise expandendo no centro, así que o grupo acabou formándose con Mestres de pedagoxía terapéutica, titores de diferentes cursos de primaria e audición e linguaxe .
Na maioría das aplicacións que vimos traballamos principalmente a competencia dixital así como a competencia básica en ciencia e tecnoloxía  pero tamén traballábanse outras transversalmente como a lingüística, dependendo da aplicación que estivésemos a traballar.
                                   
Unha das aplicación que vimos foi Chatterpix. É unha ferramenta moi sinxela de usar e moi útil para as línguas. A gracia dela é que podes facer "falar" unha foto xa que a aplicación fai que se lle mova a boca mentras di algo.             
 
O primeiro que tivemos que facer foi descargar a aplicación. Vos podedes facelo pinchando na imaxe que está máis arriba. É moi intuitiva e non precisa ter moito coñecemento informático.  Cando se abre tes dúas posibilidades, ben facemos unha foto da persoa que elixamos ou ben descargamos unha imaxe. Nos fixemos esto último polo que hai que ir a galería para recuperar a foto que descargamos previamente. A outra opción é facer no momento unha foto da persoa ou obxecto que queres animar.
Unha vez escollida a imaxe tes que seleccionar a boca do persoeiro e a aplicación fai que se mova dando a impresión de que fale. Na área de inglés usámola para que estes personaxes falasen da súa biografía xa que estamos a traballar o pasado . En galego, co galo do Nadal, aproveitamos para que  o Apalpador se presentase e nas titorías fixeron o mesmo cos persoeiros que están a traballar este ano no proxecto sobre a Igualdade que estamos a facer no centro.
Como vedes é unha ferramenta moi útil e sinxela de usar, así que vos animamos a que a provedes nas vosas aulas.



1 de febrero de 2020

Artigo reflexión "A radio escolar" CEIP Plurilingüe Infante Felipe de Borbón

Motivos polos que se decidiu solicitar a radio:
Son múltiples as vantaxes que ten desenvolver un taller de radio escolar na aula. É unha actividade ideal para implicar ao alumnado e que participe de maneira activa no seu proceso de ensino-aprendizaxe.

Algúns dos beneficios son os seguintes:
  1. Mellora a expresión oral e a escrita. Ao ter que adecuar o contido e as expresións, mellora considerablemente a expresión e a pronuncia así como o ton. Hai que realizar un traballo previo de busca, selección e estruturación da información, así como redacción e adaptala a unha escaleta.
  2. Practícanse as diversas formas de expresión oral. Aprenderán desta forma que non é o mesmo se estamos a realizar unha entrevista que levando a cabo un debate.As intencións son diferentes así como o plantexamento das mesmas
  3. Ampliar o seu vocabulario. Ao ter que narrar unha noticia ou un acontecemento, deberán ser capaces de describir e explicar o que se quere expresar, de maneira que o seu vocabulario verase aumentado.Coa grabación dos podcast poden darse conta dos fallos propios ou dos grupos alleos puidendo realizar unha autoavaliación ou heteroavaliación. É un paso importante para a metaaprendizaxe
  4. Fomenta a formación integral. Desenvolver unha radio escolar é algo que repercute en todas as materias, xa que podemos traballar de maneira trasversal Lingua, Literatura, Coñecemento do Medio, Tecnoloxía, etc. Non só de contidos, xa que poden desenvolver procedementos de manexo da radio, practicar a tocar instrumentos...
  5. Aumenta o coñecemento do TIC. É necesario utilizar as tecnoloxías da información e a comunicación para poder comunicarse co seu medio, polo que aumenta o interese do alumnado cara aos medios audiovisuais. Non só o farán na busca de información e exemplos, senón tamén no pendurado dos podcast e na visualización dos mesmos, unha vez estean subidos á rede
  6. Fomento dun pensamento crítico. Ao chegarlle diferentes noticias con distintas opinións e acontecementos concretos, estaremos a desenvolver no alumnado un espírito crítico para que sexa capaz de xogar e identificar aquelas noticias que son reais das que non, así como a non compartir calquera tipo de noticia que chegue ás súas mans.
  7. Constitúen unha boa maneira de propiciar experiencias de aprendizaxes a grandes grupos e tamén resultan adecuados para o traballo individual dos estudantes. Permiten valorar diferentes ritmos de aprendizaxe, adaptarse aos grupos, saber realizar correctamente o reparto de tarefas...
  8. Favorecer a motivación dos estudantes cara aos valores artísticos da música debido á facilidade de acceso a todo tipo de materiais musicais e por propiciar documentación sonora diversa.
  9. Poden contribuír a mellorar a dicción, xa que permiten escoitar voces cunha boa vocalización e timbre, ademais que facilitan a adquisición de vocabulario e a mellora da praxe convencional.
  10. Achegar ao alumnado á realidade da súa contorna, por medio das súas noticias, a súa música e outros.
  11. Uso responsable das redes sociais. Todas as noticias e acontecementos relacionados coa radio escolar podémolas compartir nas redes sociais, polo que lles estaremos ensinando a utilizar as redes sociais dunha maneira responsable e sabendo que se comparte e con quen.
  12. Promove a creatividade: Aprender a programar en idades temperás ten un impacto positivo no desenvolvemento da creatividade. Os profesores deben expor proxectos para que os alumnos poñan as súas ideas e estratexias en funcionamento e así completar o tema proposto. A creatividade é unha das maiores capacidades que se desenvolve co uso da robótica. Os alumnos poden pór en práctica o que se lles ocorre, fomentando a orixinalidade e a innovación.
  13. Desenvolve a autonomía: Os nenos/as aprenden a traballar de xeito autónomo no reparto das tarefas, organización da información, na repetición dos programas, na corrección de fallos ou cambio de certos aspectos para a mellora do programa....
  14. Atende á diversidade: Poden traballar tódolos alumnos/as e a pesar de que todos traballan o mesmo, no reparto das tarefas pode escoller cadaquén o apartado no que mellor se desenvolve. 
ACTIVIDADE: A radio escolar
Proceso de realización da actividade:
  1. Explicación das partes dunha mesa de son e explicación dos diferentes controis e proba da mesma.
  2. Brainstorming para escoller algunha idea para iniciarse na creación de podcast.
  3. Busca e selección de información relacionada coa mitoloxía (tema escollido no PLAMBE do cole)
  4. Estruturación da información: selección, resumo, conversión ao galego e corrección
  5. Práctica da lectura da información para ter unha velocidade lectora axeitada e que non se note demasiado na grabación do programa.
  6. Realización da escaleta cos temas que se van a tratar e tempo adicado a cada apartado.
  7. Axuste dos volumes e ganancias da mesa de son para preparar o grabado.
  8. Editar o audio (cortando principios e finais, aumentando o volume, eliminando o ruído e mellorando os niveis)
  9. Creación dunha conta en Ivoox para subir os Podcast
  10. Selección de imaxes sen dereitos de autor e información sobre os podcasts realizados para completar a información de Ivoox.
  11. Creación dun blogue para a radio escolar este venres, subindo os podcast creados para que se poidan aportar máis recursos, materiais e algunhas fotografías do alumnado que traballou coa radio escolar
Posta en práctica e impresións sobre todo o proceso estacando aquilo que sexa salientable e diferenciable de ter feito a actividade sen os dispositvos:
Moita compoñente pero non ten dificultade na súa montaxe aínda que tiven problemas xa que o son me entraba polo cable jack e o cable USB. Eu quería só que entrar o son do portátil polo jack e saira polo USB para grabar, así que tiven problemas para integrar a música nos podcasts.
Pero paréceme un material moi útil para todo o que dixen anteriormente e voltaría a empregalo sen dúbida algunha, sempre que mo emprestaran de novo

IPADS: OUTRA FORMA DE MOTIVAR


O primeiro motivo polo que levamos varios anos solicitando os IPADS é o de incidir na motivación no traballo por parte do noso alumnado. É dicir, calquera traballo que parte de emprego dunha tablet ten unha acollida moito mellor que nun formato tradicional.
A maiores, somos conscientes de que estes dispositivos nos ofercen posibilidades didácticas moito máis amplas.
Foron empregados polo alumnado de 1º e 2º do noso centro e, como en total son 6 aulas, non nos deu tempo a telos moitas sesións pero aproveitámolos todo o que puidemos.
As APP que máis empregamos estas semanas foron:

  • As relacionadas con programación e robótica ( lightbot, scratchjr, robot) xa que no centro instauramos unha asignatura semanal de robótica e estas apps son prefectas para iniciarnos na programación.
  • Tamén o Popplet. Como xa comentamos no outro artigo, para a plasmación gráfica das nosas ideas de aula
  • O Flow free para relaxar e entrenar o cerebro.

Fwd: CREACIÓN DA AULA



AUTOINSTRUCIÓNS, MATEMÁTICAS E EMOCIÓNS

No CEIP Plurilingüe de Atios, decidimos solicitar o Escornabot ao CFR de Vigo, para que o noso alumnado tivese a oportunidade de acceder a outro tipo de materiais. Podendo optar a aprendizaxes máis significativas e vivenciais.
As actividades realizadas leváronse a cabo con alumnos/as de terceiro, cuarto e sexto de educación primaria. Con elas traballamos o seguimento de instrucións, os contidos da área de matemáticas referentes a numeración, operacións básicas, formas xeométricas e as emocións, xa que consideramos fundamental que estas últimas estean presentes na educación, favorecendo deste xeito unha correcta  educación  emocional.
Para realizar a actividade precisamos: dun ordenador, a través do cal elaboramos cada unha das tarxetas coas medidas axeitadas ao Escornabot sendo neste caso de 12X12; De conexión a internet para poder buscar os emoticonos das emocións ou as figuras xeométricas que precisabamos. Ademais precisamos dunha impresora para poder imprimir as tarxetas unha vez realizadas, unhas tesoiras para poder recortar e unha plastificadora para poder protexer as nosas creacións. Cartolina na que debuxamos o noso taboleiro, un plástico para que o Escornabot se desprazase sen problema.
Unha vez decididos os contidos a traballar e como facelo, explicámoslles o proceso aos alumnos/asque se encargarían de realizalo. No primeiro taboleiro quixemos traballar as instrucións polo que elaboramos tarxetas nas que tiveran que facer cousas como chegar a unha forma xeométrica dada polo camiño máis longo o máis curto ou tendo que respectar as indicacións dadas. No segundo taboleiro repasamos contidos matemáticos que eles/as decidiron referentes a descomposición de números, resolución de operación de sumas, restas, multiplicacións ou resolución de problemas,tendo que chegar co Escornabot a celda da resposta. Como último taboleiro elaboramos tarxetas de situacións que se resolvesen cunha emoción, por exemplo como me sinto cando me enfado cun amigo, como me sinto cando saco un dez nun exame... tendo que levar o Escornabot a celda do emoticono que respondese a emoción que cada alumno/a sinte ante dita situación.
Cando tivemos elaboradas todas as tarxetas, imprimímolas coa axuda da mestra e plastificámolas, para finalmente recortalas. Ademais do mencionado anteriormente, traballouse a atención e a psicomotricidade fina. Elaboramos o taboleiro medindo o tamaño de todas as celdas.
Unha vez rematado este proceso chegou o momento de xogar co Escornabot. Colocamos nunha mesa o taboleiro, separamos as tarxetas do que tiñamos que facer das que irían no taboleiro. Logo colocamos as tarxetas resposta no taboleiro ecubrimos por enriba o mesmo cun plástico, evitando deste xeito que ao moverse o Escornabot se movesen as tarxetas. E xa por último, tivemos que programar o robot para chegar a cada unha das celdas de resposta. Para iso lemos a tarxeta, detivémonos a pensar como chegar empregando a mirada e as mans e a continuación pulsando as teclas precisas. Ao primeiro houbo algún que outro erro, verbalizando en que nos equivocaramos ou porque non saíra como esperabamos e incluso dicíndolles uns aos outros/as en que erraran. Foi toda unha experiencia xa que o alumno/a que se equivocaba non sentía a corrección como un ataque senón como unha axuda para realizalo mellor na seguinte quenda. Ao final todos e todas lograron levar o robot á celda correcta, r epasaron conceptos, compartiron aprendizaxes e pasaron uns ratos moi divertidos.

A continuación deixamos enlace ao noso blogue

https://pedrarosadeatios.blogspot.com/2019/11/escornabot.html




----- Rematar mensaxe reenviada -----