FUNCIONAMENTO DUNHA ESTACIÓN METEOROLÓXICA
1ª ACTIVIDADE:
Na aula de 4º a partir da área de ciencias sociais, decidimos construír unha estación meteorolóxica para estudar o tempo atmosférico do “noso patio”.
Aproveitando o empréstito dos Ipad do CFR decidimos facer un vídeo titorial para explicar como funciona cada un dos aparatos que construímos.
Fixémolo cunha adaptación do Grupo de Expertos/as. Tiñamos que estudar 4 aparatos para medir o tempo atmosférico e temos 6 equipos de base con 4 nenos/as cada un, polo que un de cada equipo formou parte do grupo do aparato que se lle asignou.
Tiveron que ler ben as instrucións, repartirse o material que aportaría cada quen, e construílo. Unha vez construído elaboraron un vídeo onde explicaban o seu funcionamento e o que medía.
Os vídeos fixéronos coa App Chatter Pix. A partir dunha mesma fotografía do seu aparato, cada un marcaba unha boca nese obxecto e gravaba un audio coa explicación correspondente.
Unha vez gravados montáronse nun só clip coa App IMovie.
Aquí tendes un par de exemplos o resultado.
http://orecunchodepaula.blogspot.com.es/2017/11/estacion-meteoroloxica-dos-canimonsters.html
2º REFLEXIÓN:
Este tipo de tarefas aumenta a motivación do alumnado, non só polo novidoso, senón por sentir que o seu esforzo serve para axudar a outras persoas a aprender.
A dificultade xurdiu no discurso, a App non supuxo ningún problema. A parte da exposición oral, polo menos na miña titoría, é máis complexa que o manexo da App. É dicir, fallaban porque se equivocaban no que tiñan que dicir, antes que no uso da ferramenta tecnolóxica.
Se grazas a este tipo de tecnoloxía, consigo que o meu alumnado mellore en algo tan básico como a expresión oral, penso que é unha axuda moi beneficiosa e coa que os meus nenos e nenas mellorarán. Polo que a seguiremos empregando.
Paula Rey Silva
Titora de 4º de EP do CEIP Canicouva de Vigo
No hay comentarios:
Publicar un comentario